Punk rock, swing, soul ou música clásica, propostas da Sala Aturuxo para o mes de maio
Por Redacción
O punk rock de The Ford Broncos, o swing da Mary's Swing Band, o soul da Red Soul Community, a música clásica de Suelen Estar Quartet e La Coctelera Sónica, un peculiar proxecto colectivo, son as apostas da Sala Aturuxo de Bueu para este mes de maio. Unha oferta de concertos que consolida a esta sala de concertos como un dos principais referentes culturais da comarca do Morrazo.
Dende a capital do estado máis setentrional de Alemaña chega, este domingo 12 de maio, The Ford Broncos, unha banda acústica de punk rock que utiliza as raíces de bluegrass, composición simple pero eficaz e estelas de cajun, blues e rock soul americano. O espectáculo convértese nun minicirco do máis distinto. Son cinco amigos que se xuntaron hai 10 anos cun proxecto en común cun eclecticismo musical digno de estudo como os seus propios compoñentes.
Unindo os seus gustos musicais formados con outras bandas de blues, rock, indie, heavy e ata hip hop gravaron o seu ultimo disco co selo Hazelwood Vinyl Plastics e veñen a promovelo na súa xira galega durante doce días. Eles son Bruno T. Ford: guitarra e voz, Big Mario: baixo e coros, Timo Bronco: guitarra e coros, Kay Bronco: harmónica e Andoni Arcos: batería. A entrada ten un prezo de sete euros.
O sábado 18 de maio será a quenda de Mary's Swing Band, unha banda de swing, que nace en Allariz (Ourense) no ano 2011, a partir do encontro de diferentes músicos nos combos de Jazz formados na Escola de Música da Casa da Mocidade da vila alaricana. Partindo dunha formación máis jazz, a banda decantouse por un estilo máis swing.
Na actualidade a banda está formada por Rony Rodríguez ao contrabaixo, Goran Strbac á guitarra, Carlos Duran como batería, e Marisa Sánchez como vocalista. Mary Swing's Band versiona dende estándares de jazz ata temas clásicos e modernos de rock, pop ou blues, todo iso sempre cun marcado estilo swing sinal de identidade da banda. O seu concerto, que comezará ás 23.00 horas, custará cinco euros.
Un día despois, o domingo 19 ás 21.30 horas, o Aturuxo recibirá a Red Soul Community, que volve a terras galegas dende a súa última visita no 2010, para presentar I Never Learn (Grover 2013). Será un concerto que ten un prezo de oito euros, descrito polos críticos como "arrollador e elegante".
Unha noite cargada de boss reggae e rocksteady, aderezadas cunha pinga de ska e calypso, para dar boa conta deste novo traballo, que situou aos granadinos entre as bandas máis destacadas e recoñecidas da escena europea de "oldies xamaicanos". Unha cita imprescindible para os amantes dos sons orixinais da Illa do Tesouro, así como para os neófitos ao xénero.
Pola súa banda, o domingo 26 ás 21.30 horas actuará Suelen Estar Quartet, un cuarteto de improvisación libre de corda frotada de Galicia, nacido hai algo máis dun ano no seo da O.M.E.Ga (Orquestra de Música Espontánea de Galicia) da que son integrantes os catro. Non é un cuarteto clásico ao uso xa que está formado por violín, viola, violoncello e contrabaixo.
Sen partituras todo o que crean é propio, inmediato, único e exclusivo. Déixase de ser un mero intérprete e pásase a ser compositor, un creador instantáneo. Dáselle renda solta á imaxinación, unha paisaxe, unha idea, unha emoción, un son serven de nutrintes para desenvolver a creatividade nun momento concreto espazo/tempo. Transmitir ou xerar de forma espontánea unha idea ou sentimento a través da música fai que cada concerto sexa irrepetible. No caso do de Bueu custará seis euros.
O último concerto deste mes de maio será o venres 31 ás 23.00 horas. La Coctelera Sónica é un proxecto musical colectivo que xorde de xeito espontánea durante o inverno 2011-2012 ante a necesidade de xuntar forzas para poder transmitir que a música é algo vivo e necesario, para poder mostrar as novas composicións dos integrantes do grupo, para recordar tantas cancións que compuxeron neste estado ao longo do súa historia, para demostrar que os autores e os músicos están vivos e queren facer partícipes a todos das súas vivencias. A entrada ten un prezo de dez euros.