As pontevedresas Mara Freire e Sandra Paola Lozano reciben os premios do concurso Andersen de cómic
Por Redacción
As estudantes do CEIP A Xunqueira 1, de Pontevedra, Mara Freire Carracedo e Sandra Paola Lozano Xusto, recibían este xoves o premio no concurso Andersen de cómic nun acto celebrado no centro de estudos destas dúas alumnas.
O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e a concelleira de Cultura de Pontevedra, Carmen Fouces, asistían a este evento no que tamén recibiron un galardón un grupo de estudantes de primeiro da ESO de Vigo nas categorías de lectores.
Este certame está convocado pola Organización Española para o Libro Infantil e Xuvenil (OEPLI), con motivo do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil. En Galicia, a Asociación Galega de Literatura Infantil e Xuvenil (Gálix) promove esta iniciativa.
As obras que se presentaban ao concursos centrábanse nunha historia debuxada que tiña como referente algún dos contos do autor danés Hans Christian Andersen.