Globos de cores nun Correlingua a cuberto
Por Anxo Lourido
A chuvia obrigou a que os nenos non puidesen correr polas rúas do centro de Pontevedra e tivesen que trasladarse ata o Recinto Feiral. Alí desenvolveuse esta nova edición do Correlingua que baixo o lema "O Galego, a chave do mundo" ofreceu numerosas actividades para os escolares dos diferentes centros que participaron no evento.
A actividade estivo presentada polo actor Pepe Penabade, coñecido pola súa participación na serie Padre Casares. E xunto a el interviñeron músicos e un dragón que en lugar de chamas lanzaba auga aos rapaces.
Durante o acto leuse o manifesto elaborado polos alumnos en defensa da lingua galega. Ao finalizar, os nenos saíron ao aparcadoiro do Recinto Feiral e dende alí soltaron os grandes globos que se repartiron durante a festa.