Pontevedra acolle o Concerto das Letras Galegas en homenaxe a María Victoria Moreno
Por Redacción
Pontevedra convértese por terceira vez en escenario para acoller o concerto do Día das Letras Galegas. A elección da escritora María Victoria Moreno como figura á que se lle dedica esta festividade leva unha suma de actividades que se van desenvolver en Pontevedra durante o 17 de maio.
E xa a véspera, os afeccionados á música contan cunha cita ineludible. A Real Filharmonía de Galicia ofrecerá un recital no Auditorio de Afundación a partir das 21.00 horas.
Este mércores, o alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores acompañado do presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares; o director da Real Filharmonía, Maximino Zumalave; o xerente de Afundación, Pedro Otero e a directora territorial de Abanca, María Carmen Fernández presentaba este Concerto das Letras.
Ramón Villares destacou o feito de que Pontevedra sexa por terceira vez o espazo no que se celebra este concerto, despois de que as figuras de Paz Andrade e Filgueira Valverde tamén foran escollidas como figuras do Día das Letras Galegas. "Di moito da cidade e do seu amor pola cultura", apuntou o presidente do Consello da Cultura Galega.
Zumalave fixo un repaso ao programa para ese día e destacou a estrea da peza 'Duns folios que foron brancos', de Miguel Matamoro, un músico de Vigo de tan só 27 anos. Esta obra é a versión musical de dous poemas de María Victoria Moreno.
O programa complétase coa 'Alborada Galega', de Pascual Veiga; 'Dolora Sinfónica', de Gregorio Baudot; o 'Homenaxe á poesía galega', de Antón García Abril e 'Tres estampas galegas', de Mauricio Farto.
As entradas son gratuítas, previa inscrición en Ataquilla.com. As invitacións tamén poden retirarse na sede de Afundación de Pontevedra.