Litografías da etapa madrileña de Maruja Mallo, a exposición na Galería About Art
Por Redacción
Desde o vindeiro xoves 2 de maio, a galería About Art de Pontevedra, situada na rúa Pasantería, presenta a exposición Maruja Mallo e a Revista de Occidente, con litografías orixinais da artista galega considerada a 'Musa do Surrealismo', quen a modo de homenaxe realizou unha serie de obras dedicadas á Revista de Occidente, nas que recorda os seus tempos de Madrid.
A esta cidade trasladouse a pintora lucense en 1922 para estudar Belas Artes na Real Academia de San Fernando, relacionándose con artistas, escritores e cineastas como Salvador Dalí, Federico García Lorca, Margarita Manso, Luís Buñuel, María Zambrano ou Rafael Alberti, con quen mantén unha relación; e en 1927 toma parte activa na primeira Escola de Vallecas, unha proposta 'plástico-poética' do escultor Alberto e o pintor Benjamín Palencia.
A exposición Maruja Mallo e a Revista de Occidente alude directamente á súa relación con José Ortega e Gasset, quen organizou a primeira mostra de Maruja Mallo nos salóns da Revista de Occidente no ano 1928: "Ao visitar a miña casa e coñecer a miña obra, Ortega díxome: A revista nunca realizou unha exposición, pero ante este caso precursor a revista dará a coñecer esta obra orixinal e polifacética", chegou a explicar a artista no seu momento.
Comeza así a súa continuada colaboración coa publicación, realizando numerosas portadas e calendarios, que se publicaron entre 1931 e 1936, sobre diversos temas: froitas de cada mes, os xogos dos nenos en cada estación do ano, ou sobre os labores agrícolas correspondentes a cada unha delas. Cada mes a revista publicaba un destes debuxos na portada.
Completan a mostra diversos textos e fotografías realizados pola propia artista en 1979 e por Soledad Ortega, filla de Ortega e Gasset.
A exposición, que estará aberta ata o próximo 8 de xuño, pódese visitar de martes a venres de 11.00 a 14.00 horas e de 17.30 a 20.30 horas, e os sábados de 11.00 a 14.00 horas.