A cultura mexicana xa enche o Salón do Libro Infantil e Xuvenil
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/cb5/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/5ac7e7e083-20180406-patxot-salon-libro-392.jpg)
© Mónica Patxot
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/14e/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/5ac7e7f5c8-20180406-patxot-salon-libro-631.jpg)
© Mónica Patxot
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/a7f/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/5ac7e7fecd-20180406-patxot-salon-libro-745.jpg)
© Mónica Patxot
O Salón do Libro Infantil e Xuvenil abriu as súas portas a tarde do venres cun concerto inaugural no auditorio do Pazo da Cultura. O patio de butacas atopábase practicamente cheo, con case 500 persoas entre grandes e pequenos que gozaron da obra para orquestra "Catrina y doña Francisca", composta polo pontevedrés Mario Diz e interpretada pola Orquestra Filharmónica de Pontevedra.
Nunha edición dedicada ás mulleres, non podían faltar uns breves discursos da concelleira de Cultura, Carmen Fouces, e de Susana Pliego, a conselleira cultural da Embaixada de México en España, que falou en representación deste país ao que está dedicada a edición deste ano.
Tamén o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, quixo agradecer a todos os que colaboraron en que o Salón sexa posible, e destacou a importancia de unir as culturas galega e mexicana, así como a necesidade de "feminizar a vida pública para ir superando as fendas que nos separan".
Tras o concerto, Orbil, a peluda mascota do Salón do Libro, foi o encargado de abrir as portas do Salón ás decenas de nenos que se achegaron xunto cos seus familiares á sala de exposicións, onde gozaron de varios contacontos e onde se expoñen as obras de gran calidade que fixeron os nenos de moitos colexios da provincia, arredor das mulleres da literatura e sobre todo, arredor da cultura mexicana, a estrela convidada da edición.
Doutra banda, na zona do recinto feiral destaca a bonita e impactante decoración ao máis puro estilo mexicano, chea de cores, onde hai dispostos lugares de lectura, un photocall, unha zona de xogos para o máis pequenos dos pequenos e ata un food truck onde os pais poden descansar e tomarse un piscolabis.
Inauguración do Salón do Libro Infantil e Xuvenil 2018
Un concerto de música serviu de inicio ao Salón do Libro
© Mónica Patxot