'A ovella Engracia' anima os pequenos a perseguir os soños no Salón do Libro
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/7c7/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/5ae066f5ce-dsc09919.jpg)
© Clara Alonso
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/707/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjK0UipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0inJL1CyrgUA_/5ae066f9be-dsc09933.jpg)
© Clara Alonso
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/497/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/5ae0685fdc-042518-alvarez-pazo-cultura-ovellas-10-.jpg)
© Miguel Álvarez Fandiño
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/967/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjK0UipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0inJL1CyrgUA_/5ae066e668-dsc00025.jpg)
© Clara Alonso
"Eu botei a andar polo prado detrás da lúa... realmente hipnotizada" e todos acompañamos a ovella Engracia na súa viaxe.
Mércores 25 pola mañá. Centos de nenos e nenas esperaban ansiosos a que empezase a función no Pazo da Cultura de Pontevedra. Sobre o escenario había unha chea de caixas de madeira e varios instrumentos. Apagáronse as luces, a sala quedou en silencio e dúas ovellas presentáronse no escenario. Engracia e Branca.
Engracia estaba aburrida de levar unha vida rutineira; comer herba, durmir a sesta, saltar balados para que a xente conte ovellas cando se van a deitar... sempre o mesmo! Un día decidiu ir ver a lúa, e aí empezou a viaxe de 'A ovella Engracia'.
'A ovella Engracia', creada exclusivamente para o Salón do Libro, é unha entretida obra que narra a viaxe en busca da lúa desta ovella e conta todos os amigos que coñeceu polo camiño, como o Oso Bernardino ou a Serpe Susana. Ademais, anima os pequenos para loitar polos seus soños. Pois, como dicía a canción "a xente conta ovellas pra durmir. Engracia conta unha historia que dei que todo, todo é posible. Que sempre hai que intentalo, que a forza está en ti".
Engracia, interpretada por María Lado, guionista da obra, tentaba chegar á lúa, pero cada vez que conseguía estar un pouco máis preto, esta escondíase; con todo, non se rendeu nunca, mostrando aos nenos que non hai que darse por vencidos.
A súa boa amiga, a ovella Branca, cantaba as aventuras de Engracia. Lucía Aldao era a encargada de dar vida a este personaxe e a compositora das cancións, que, con moito ritmo e moito swing, animaba os máis cativos a seguir con palmadas a viaxe da súa compañeira.
O toque de jazz foi grazas a integrantes do grupo SPJ, Seminario Permanente de Jazz; Paco Charlín ao contrabaixo, Carlos Gil facendo soar o piano e Luís Vivas ás baquetas da batería, quen acompañaban en directo a voz de Lucía Aldao.
A historia rematou con final feliz para as ovellas do mundo. Elas finalmente puideron descansar e deixar de saltar balados, porque a historia de Encarna motivou os humanos para contar máis contos e menos compañeiras á hora de durmir, explicou Branca.
E que sorpresa! Cando rematou a función, Orbil, o lobo do Salón do Libro veu saludarnos con moito agarimo e repartiu miles de apertas entre os pequenos e non tan pequenos.
A historia de 'A ovella Engracia' con música en directo
A ovella Engracia, coa súa amiga Branca, conta aos nenos a historia de cando foi buscar a lúa e todos os amigos cos que se topou polo camiño, con música en directo
© Clara Alonso
Realización da obra teatral no Pazo da Cultura
Mostra da obra teatral "Ovella Engracia" realizada no Pazo da Cultura de Pontevedra o 25 de abril de 2018.
© Miguel Álvarez