Isabel Coixet rodará en Pontevedra a adaptación ao cine da historia de Elisa e Marcela
Por Alejandro Espiño
A historia de Elisa y Marcela, as dúas mulleres coruñesas que, no ano 1901, lograron casar pola Igrexa, chegará ao cine. Farao da man da cineasta Isabel Coixet. A rodaxe da película comezará o próximo mes de maio e, en parte, gravarase en Pontevedra.
A produtora galega Zenit Televisión atópase xa buscando localizacións na cidade para representar o ambiente da época na que casou a parella, o primeiro matrimonio entre mulleres do que, polo menos oficialmente, hai constancia en España.
Elisa e Marcela casaron pola igrexa na parroquia de San Xurxo da Coruña. Para iso, Elisa disfrazouse de home e adoptou unha identidade masculina baixo o nome de Mario Sánchez. O párroco acabou descubrindo o engano e a parella foi perseguida, aínda que o acta matrimonial nunca chegou a anularse.
Xunto con Pontevedra, o filme rodarase nas localidades galegas de Dumbría, Santiago de Compostela e A Coruña, lugares nos que se desenvolveu parte da historia das dúas mulleres protagonistas.
A rodaxe completarase, entre outros lugares, en Barcelona e o Baixo Ebro, onde se recreará as vivencias da parella en Arxentina, lugar ao que fuxiron Elisa e Marcela tras descubrirse o seu matrimonio e ser perseguidas por iso.
Isabel Coixet, gañadora do Goya á mellor dirección hai apenas un mes por La librería, contará para este novo proxecto coas actrices María Valverde (Tres metros sobre el cielo) e Natalia de Molina (Techo y comida), que serán as encargadas de encarnar á parella protagonista, segundo recollen varios medios especializados en cine.
A película, coproducida polas compañías Zenit, Lanube Películas e Rodar y Rodar, conta coa colaboración de TVG, TV3, Canal Sur e a Axencia Galega de Industrias Culturais.
Ademais, Netflix adquiriu os dereitos para distribuíla na súa plataforma uns catro meses despois da estrea en salas de cinema.
Relacionadas:
-
Pontevedra cae do plan de rodaxe de "Elisa y Marcela", a nova película de Isabel Coixet
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra, de moda en cine e TV: "Fariña", "Vivir sin permiso" e "La sombra de la ley"
Por Alejandro Espiño |
-
A historia do primeiro matrimonio lésbico en Galicia pon en pé ao público do Principal
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |