Chega a Pontevedra o II Festival de Habaneras
Por Redacción
O Auditorio do Centro Social Novacaixagalicia de Pontevedra acollerá este sábado 27 de abril, o II Festival de Habaneras que organiza a Deputación Provincial de Pontevedra. O certame, que terá lugar ás 17,00 horas e con entrada de balde, contará coa participación de 11 corais das comarcas do Morrazo e de Pontevedra, que interpretarán tres pezas do seu repertorio cada unha.
O II Festival de Habaneras celebrarase este ano en tres localidades da provincia, coa participación de diferentes corais en cada un deles. Ademais do de Pontevedra, xa se celebrou en Vilagarcía o pasado domingo 21, e Tui, a onde chegará o 11 de maio.
No caso de Pontevedra, as corais que actuarán serán o Coro Santa Eulalia de Meira dirixido por Ángel Leite Santos; o Coro Chorima de Moaña que dirixe Rosa María Cerviño Loira; a Coral Polifónica de Campo Lameiro con dirección de Sonia Bouzada Pérez; o Coro Samertolameu, baixo a dirección de Manuel Ares García ou o Orfeón Parroquial Nosa Señora de Hoy-Vas de Vila de Cruces que dirixe Enrique Viz Otero.
Ademais, participarán a Coral Polifónica de Barro da que é directora Cristina Castro Pintos; a Coral do Centro Sociocomunitario de Marín, neste caso baixo a batuta de Monserrat Arosa Villar; a Coral Polifónica Estradense dirixida por Javier Comesaña Pereira; a Asociación Masa Coral Moañesa, con dirección de Manuel Iglesias Martínez; a Coral Polifónica Marusía dirixida por Antonio Davila Álvarez; e finalmente, a Coral Airiños de Campañó que dirixe Enrique Alberto Martínez Rivero.