Novacaixagalicia presenta a Real Filharmonía de Galicia en Pontevedra baixo a batuta de Paul Daniel
Por Redacción
A Real Filharmonía de Galicia chegará a Pontevedra este venres 19 de abril, ás 20:30 horas, ao auditorio do Centro Social de Novacaixagalicia para interpretar a Mahler, Britten e P. Pereiro. Baixo a dirección do tamén director da Orquestra Nacional de Bordeos e co tenor Agustín Prunell-Friend, a agrupación reúne nun espectáculo a Sagarmatha, op. 185 de P. Pereiro, unha estrea absoluta que foi encargo da Fundación Autor; a Sinfonía nº 7 en mi menor, 2º mov. de Mahler; o Nocturno para tenor e orquestra, op. 60 de Britten e a Sinfonía nº 7 en mi menor: 4º mov. de Mahler.
A Real Filharmonía de Galicia iniciou a súa actividade en 1996 no Auditorio de Galicia, Santiago de Compostela, onde presenta a súa tempada estable de concertos. O seu primeiro director titular foi Helmuth Rilling (1996-2000), a quen sucedeu Antoni Ros Marbà (2000-2012). Actualmente, Paul Daniel é o seu director titular e artístico.
Ademais do mestre compostelán Maximino Zumalave, director asociado e vinculado á RFG desde o seu inicio, e de Christoph König, principal director invitado, tamén dirixen a orquestra outros directores como Frans Brüggen, Juanjo Mena, David Afkham ou Hansjorg Schellenberger, entre outros.
Do mesmo xeito xunto á RFG actuaron os mellores intérpretes, por exemplo Frank Peter Zimmermann, Daniel Hope ou Vadim Repin (violín), Natalia Gutman, Lluís Claret ou Enrico Dindo (violoncello), Joaquín Achúcarro, Rudolf Buchbinder ou Eldar Nebolsin (piano) e cantantes como Teresa Berganza, Thomas Quatshoff ou Matthias Goerne.
Como actividade externa, a presenza nas cidades galegas, así como no resto de España, é de capital importancia, do mesmo xeito que as xiras internacionais que realizou Austria, Alemaña, Francia, Brasil, Arxentina e, especialmente, Portugal. Paralelamente, a vocación pedagóxica da RFG tradúcese en actividades dirixidas aos futuros profesionais da música, a través da Escola de Altos Estudos Musicais, que imparte o Curso Avanzado de Especialización Orquestral, cos músicos da RFG como profesores.
Tamén organiza concertos didácticos para nenos co Auditorio de Galicia, o que posibilita que cada ano ao redor de sete mil escolares poidan coñecer mellor a música sinfónica. No 2009 a RFG presentou dous traballos discográficos inéditos dedicados a Manuel de Falla e Frederic Mompou e, no 2012, un novo disco con obras de Ravel
As entradas, que teñen un prezo de 14 euros, están á venda en www.servinova.com e na billeteira telefónica no 902 504 500.
Relacionadas:
-
A Real Filharmonía de Galicia volve a Pontevedra con Brett Dean, Mozart e Beethoven
Por Redacción | Creada e actualizada