Empezamos a contar os días para o Salón do Libro!

Por Redacción

© Pazo da Cultura

© Pazo da Cultura
Orbil, a famosa mascota do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, paseouse este sábado polo recinto feiral con motivo do Culturgal, a Feira das Industrias Culturais de Galicia que, desde hai anos, serve tamén de presentación dos avances da programación do Salón. Este ano, ademais, a cita cultural serviu para empezar a pasar as follas do calendario ata a celebración do Salón entre os días 6 e 29 de abril de 2018.
O calendario tamén corre da conta do Salón, pois este ano a colaboración coa Deputación Provincial de Pontevedra permitiu editar un almanaque específico coas 11 ilustracións finalistas e a gañadora do certame internacional convocado para deseñar o cartel da edición 2018. Os exemplares xa están na rúa, precisamente, desde esta fin de semana, pois empezaron a repartirse no Culturgal.
A conta atrás comezou cunha presentación oficial do Salón a cargo da concelleira de Cultura de Ponteveda, Carmen Fouces, e do deputado provincial do ramo, Xosé Leal. A coordinadora do Salón, Eva Mejuto, e a gañadora do concurso e autora do cartaz da próxima edición, Ana Villegas, tamén particparon na presentación, esta última para recoller o cheque co premio.
A programación concreta da vindeira edición é aínda un segredo, pero Carme Fouces e Eva Mejuto prometeron un programa "ambicioso e suxerente para atraer tanto a público infantil coma mozo". Tan suxerente como o almanaque, que amosa as datas máis importantes da literatura infantil e xuvenil.
O Salón 2018 levará por lema 'Mulleres de Conto'. Fouces manifestou a ledicia de que entre os temas que se lle propuxeron aos centros colaboradores do Salón, fora este o que gañou por unanimidade. Ademais, agradeceu o traballo realizado polos seus predecesores no proxecto, pois esta será a súa primera edición como responsable de Cultura, e recordou que este ano é o da internacionalización.
Esta internacionalización levouse a cabo por dúas vías: a convocatoria do certame internacional para escoller o cartaz e a colaboración con México, que "é unha potencia cultural de primeira magnitude que conta cunha grande estructura de consumo da lectura e é tamén a plataforma latino-americana para lanzar cultura ao resto do continente".
Ana Villegas explicou que tivo "moi clara dende o principio a idea" para o cartaz. "Quixen facer unha homenaxe a mulleres que me inspiraran, non só ás escritoras, senón ás mulleres anónimas, lectoras e ás avoas que contan contos", indicou.
Relacionadas:
-
Galicia e México fusiónanse na XIX edición do Salón do Libro de Pontevedra
-
Voces de ambos os lados do Atlántico daranse cita no primeiro congreso de mediación lectora de Pontevedra
Por Natalia Puga |
-
Música para aprender a cociñar con Mamá Cabra e 'Eu cociño, ti cociñas?'
Por Diego Torrado |
-
Culturgal, unha frenética fin de semana imaxinando e vivindo cultura
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Sábado de axitada axenda de actividades no Culturgal
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Gloria Fuertes, Pippi Mediaslongas e Mary Poppins, protagonistas do calendario do Salón do Libro
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Pontevedra busca unha conexión bilateral Galicia-Mexico usando o Salón do Libro como plataforma
Por Redacción |
-
Ana Villegas ilustrará o Salón do Libro tras gañar o seu concurso internacional
Por Redacción |
-
O Salón avanza na colaboración con México, o primeiro país que acudirá como invitado
Por Alejandro Espiño |