O Festival de Cinema de Sevilla acollerá a premiere de "A estación violenta" da directora pontevedresa Anxos Fazáns

Por Redacción
A ópera prima da cineasta pontevedresa Anxos Fazáns "A estación violenta" participará na sección Resistencias da XIV edición do Festival de Cinema de Sevilla. O equipo presentará a película o próximo 9 de novembro no certame.
Esta adaptación libre da novela de Manuel Jabois con guión da directora co-escrito co cineasta Ángel Santos, Xacobe Casas e do produtor Daniel Froiz, conta cunha carismática repartición composta por Alberto Rolán, Nerea Barros, Xose Barato, Laura LaMontagne, Xiana Arias e Antonio Durán "Morris".
Na sinopse de "A estación violenta" avanzan que se trata dunha película que "fala sobre a vida. Esta non é inofensiva. Pode ser esgotadora e frustrante. A Manuel gustaríalle ser escritor, pero en lugar diso vive atrapado na súa rutina, incapaz de afrontar as súas emocións. O verán e o inesperado reencontro cos seus mellores amigos de mocidade farán estalar todas as súas pulsións".
A directora é Anxos Fazáns (Pontevedra, 1992), graduada en Comunicación Audiovisual pola UVigo, posteriormente foi alumna do Máster de Dirección de Cinema en ESCAC. Actualmente fai compatible o seu traballo como directora co de axudante de dirección e script en diferentes proxectos. Na dirección destaca a súa curtametraxe "Area", que se estreará en Zinebi este mesmo ano.
"A estación violenta", a súa primeira longametraxe de ficción, foi producida por Matriuska Produciones coa participación de Televisión de Galicia e coa colaboración de Agadic, ICAA e Deputación de Pontevedra. A BSO orixinal foi composta por Charles Rapante e conta ademais con temas de The Limboos, Pantis, Rabuda, The Soul Jacket, Atrás Tigre, Chicharrón e Contenedor de Mierda.
Relacionadas:
-
Oito cines galegos estrean a película pontevedresa "A estación violenta"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
'A estación violenta', filme inspirado na novela de Jabois, abrirá o festival de Cans
Por Clara Alonso |
-
"A estación violenta", oito nominacións aos Premios Mestre Mateo 2018
Por Alejandro Espiño |
-
RADIO.- Búscase a Jabois para un cameo en "A estación violenta"
Por Marisa Ciordia |
-
Nerea Barros, gañadora dun Goya, roda en Pontevedra a versión fílmica da primeira novela de Jabois
Por Redacción |