Estudantes de Pontevedra converten en videoxogo unha obra de Saramago
Por Redacción
Os personaxes de A viaxe do elefante, obra publicada en 2008 polo escritor portugués José Saramago cobrarán vida na pantalla dos ordenadores. Será grazas ao traballo dunha trintena de alumnos da Universidade de Vigo que están a ultimar un videoxogo baseado neste libro.
A idea é presentar o primeiro nivel do videoxogo nas xornadas que a Cátedra Internacional José Saramago da Universidade de Vigo celebrará o vindeiro mes de novembro na cidade de Pontevedra.
A través de equipos multidisciplinares, estudantes de Comunicación Audiovisual e de Enxeñaría de Telecomunicación, con sede en Pontevedra e Vigo respectivamente, son os que están a deseñar o videoxogo.
A iniciativa está coordinada polos docentes Antonio Pena, Enrique Costa e Juan Carlos Burguillo, da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, e Beatriz Legerén e Mónica Valderrama da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación.
A maiores contan tamén coa colaboración do director da cátedra, o profesor da Facultade de Filoloxía e Tradución Burghard Baltrusch.
O alumnado de Comunicación Audiovisual vaise encargar de crear o deseño conceptual e de establecer todos os mecanismos de xogo, as regras, o aspecto artístico, o manual e os labores de comunicación, incluíndo a creación dun caderno de bitácora e de canles de redes sociais.
Pola súa banda, os da EE de Telecomunicación encárganse de facer e crear o interface do xogo e o xogo en si, é dicir, levar á realidade o que se está deseñando e de programar os personaxes non xogadores do xogo.
Todos eles traballan, segundo os seus docentes, igual que se traballaría nunha empresa de videoxogos.
A intención é ter unha "beta" xogable do videoxogo a finais de novembro, para levar a cabo os últimos axustes na primeira semana de decembro, antes dos exames.
Esta iniciativa está impulsada polo grupo ComTecArt (Comunicación, Tecnoloxía e Arte), que se constituíu o pasado mes de xuño e que está formado por mestres de Ciencias Sociais e da Comunicación, Telecomunicacións e Belas Artes.