A clausura da tempada da Sociedade Filarmónica de Pontevedra estará dedicada a José Verea
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Este sábado, día 13, a Sociedade Filarmónica de Pontevedra clausurará a súa tempada de concertos e farao coa actuación da Orquestra Sinfónica Vigo 430. O concerto terá lugar no Teatro Principal e dará comezo ás 20:30 horas.
A Orquestra Sinfónica Vigo 430 foi fundada no ano 2005. Forma forma parte do Proxecto Vigo 430, conformado por tres grandes seccións: a Orquestra Sinfónica Vigo 430, a Orquestra Xove Vigo 430 e a Orquestra Barroca Vigo 430. En 2014 o Proxecto 430 recibiu o Premio da Música Galega na categoría de Clásica e contemporánea. A partir do 2015 a orquestra converteuse en residente do Auditorio Mar de Vigo.
Á fronte desta agrupación estará o seu titular Vicent Alberola, que é así mesmo primeiro clarinete da Mahler Chamber Orchestra e do conxunto "Lles Dissonances" de París. Baixo a súa dirección o conxunto sinfónico vigués ofrecerá na Sociedade Filarmónica de Pontevedra un programa con obras de Jean Sibelius, Robert Schumann, Gustav Mahler e Richard Strauss. Na obra de Robert Schumann, o Concerto para violoncelo e orquestra opus 129, actuará como solista o violonchelista Guillermo Pastrana, novo intérprete nado en Granada en 1983, que no ano 2014 recibiu o Premio O Ollo Crítico da Música Clásica.
A Sociedade Filarmónica dedicará este último concerto da tempada á memoria do compositor e director José Verea Montero, falecido o pasado mes de febreiro.
O mestre José Verea, ademais de ser un dos socios máis antigos da entidade, foi durante moitos anos director da Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra, para a que compuxo varias obras, e da Banda de Música da Escola Naval Militar. Dende a Sociedade Filarmónica sinalan que "o mestre Verea foi un personaxe cheo de carisma que deixou a súa pegada xenerosa e inconfundible na vida musical pontevedresa".