A primeira mostra antolóxica de Luis Caruncho, no Museo de Pontevedra ata o 9 de xullo
Por Redacción
O Sexto Edificio do Museo de Pontevedra acolle ata o próximo 9 de xullo a exposición Caruncho, sempre. Trátase dun percorrido pola traxectoria do artista pontevedrés Luis Caruncho, a partir de máis de sesenta das súas obras. É a primeira mostra antolóxica que se organiza sobre este pintor.
Segundo explicou o director do Museo, Carlos Valle, esta exposición fora inicialmente concibida como unha mostra retrospectiva pero tras o falecemento do artista en outubro, foi replantexada para converterse na primeira antolóxica.
Valle lembrou, ademais, que Caruncho "é un dos grandes artistas do século XX, non só en clave galega, é un gran artista en clave de arte universal".
O propio comisario encargado da proposta expositiva, Miguel Fernández Cid, aludiu á responsabilidade de acometer esta primeira antolóxica asegurando que "esta exposición é unha exposición moi perigosa, porque se se enfoca mal pode dar lugar a unha época de silencio".
Fernández Cid insistiu en que Luis Caruncho "é un artista mal coñecido, non pouco coñecido porque si é moi coñecido como artista, pero non a súa evolución", polo que fixo especial fincapé en salientar o sentido da escolla das obras que se poderán ver nesta cita.
A mostra arranca desde as súas primeiras obras, das que destaca un autorretrato de cando o artista tiña 19 anos, ata as últimas obras, datadas só dous anos antes do seu falecemento.
O comisario tamén destacou que ofrece a oportunidade de poder ver obras pouco coñecidas, ou ben porque son da colección particular do artista, ou porque non se viron máis que na primeira exposición ou porque se venderon e saíron fóra e foron recuperadas para esta ocasión.
Pola súa banda, a viúva do artista, Tatiana Ribic amosou o seu agradecemento porque esta exposición sexa unha realidade, e lembrou que a última visita ao Museo de Pontevedra de Luis Caruncho fora fai tres anos, coincidindo coa inauguración da exposición de Elena Colmeiro, artista á que o unía unha grande amizade.