O festival internacional infantil 'El més petit de tots' amplía miras cara a Pontevedra
Por Diego Espiño
Leva celebrándose ininterrompidamente desde o ano 2005 e en 2017 vai chegar á súa décimo terceira edición con citas programas en 12 cidades catalás. Despois de consolidarse e probar sorte tamén o País Vasco, o festival internacional 'El més petit de tots' puxo os seus ollos en Pontevedra.
O Pazo da Cultura acollerá o día 4 de novembro unha festa de inauguración deste festival de artes escénicas, especialmente pensado para nenos de 0 a 5 anos. Será ademais un preludio ao Festival das Cóxegas, que se celebrará á súa vez durante as fins de semana do mesmo mes.
"Esta é unha peza máis que encaixa perfectamente no noso puzzle dunha cidade colonizada polos nenos", sinalou a concelleira de Cultura, Carmen Fouces, ao presentar a colaboración con este festival, que espera poida prolongarse no futuro vendo "a posibilidade de novas colaboracións ou mesmo de compartir espectáculos".
'El més peiti de tots' é un festival que a súa fundadora e directora artística, Eulalia Ribera, define como "contemporáneo", sendo a danza ou a música algunhas das formas de expresión máis empregadas nos espectáculos.
A xornada o 4 de novembro iniciarase en horario matinal cun encontro destinado a profesionais, artísticos e da educación, e continuará coa festa infantil pola tarde, na que os pequenos poderán gozar de varios espectáculos e propostas:
- Baboo: Unha discoteca infantil na que moverse, correr, abilar ou saltar coa música.
- Planeta Ka: Un espectáculo-instalación sensorial para nenos e nenas de 1 a 3 anos.
- Niños: Cápsulas de estímulos sensoriais que deixarán voar a imaxinación.
- Música: Concertos minúsculos onde crear ambientes especiais.
Ademais as actividades completaranse cun photocall e unha zona de relax con animadores, segundo explicou a organización do festival, que chega a Pontevedra da man de Kandengue e que aínda debe perfilar a programación completa e o prezo das entradas, que en todo caso "serán accesibles a todo o mundo", adiantou Carmen Fouces.