O 11 de marzo, nova cita co FEST do Local de Música
Por Redacción
Os grupos musicais emerxentes de Pontevedra teñen xa marcada no calendario unha nova cita co FEST, o concurso que organiza anualmente o Local de Música. Será o 11 de marzo, como vén sendo habitual, no Teatro Principal.
Todas as bandas interesadas en participar no concurso poden inscribirse cubrindo un impreso e axuntando un ligazón dun vídeo dun tema nun ensaio. Terán que facelo antes do 28 de febreiro, cando se pecha o prazo de inscrición.
De todas as propostas enviadas, un xurado cualificado escollerá oito finalistas que terán que facer unha actuación no festival.
Xa o día do concurso, un xurado outorgará o premio á mellor actuación en directo, que gañará a realización dun videoclip valorado en 1.000 euros; e o público elixirá tamén o seu propio gañador, que recibirá como premio unha actuación remunerada na festa final de Noites Abertas.
Para máis información, as bases do concurso pódense consultar na páxina web do Local de Música.