Álex Cooper abre o ciclo de concertos matinais dos domingos no Salón García
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A segunda edición do programa "Achégate ao Salón!" organizado pola Concellería de Cultura de Vilagarcía arranca este domingo 5 de febreiro, a partir das 12.30 horas, cun concerto de Álex Cooper, un dos expoñentes máis representativo da escena mod nacional e un dos músicos que xa forman parte da historia do pop español.
A proposta de concertos matutinos ten como obxectivo ampliar a oferta dirixida ao público familiar con actuacións que poidan gustar tanto a pais como a fillos e actuar como efecto dinamizador ao invitar á xente a saír e a gozar das mañás dos domingos.
Alex Cooper é probablemente o personaxe máis representativo da escena mod nacional. Líder de Los Flechazos, e despois de máis de 15 anos ao fronte de Cooper, o seu son, as súas cancións, a súa imaxe e a súa voz forman parte da historia do pop español por dereito propio.
Herdeiro directo de grandes nomes como The Kinks ou The Jam, a enerxía das súas guitarras e a luminosidade das súas melodías, sempre mecendo o espírito pop dos anos sesenta, xunto a súa forma de cantar e á personalidade coa que afronta o proceso de composición, o teñen convertido nun dos grandes reformadores daqueles sons inmortais.
As entradas para o concerto de teñen un prezo reducido: 6 euros os adultos e 3 euros os menores de 16 anos.
Os billetes xa se poden adquirir a través de ticketea.com e do teléfono 902 044 226 (máis custes de xestión) e tamén se poderán comprar o domingo, a partir das 10:30 horas, no propio Salón García.