Luis Davila amosa a "retranca do país" na Deputación polo aniversario de Castelao
Por Redacción
Castelao tería cumprido, o luns 30 de xaneiro, 131 anos. Co gallo deste aniversario, o Pazo Provincial da Deputación acollerá a inauguración da exposición Luis Davila. A retranca dun país, na que o debuxante de Bueu amosará algunhas das súas tiras cómicas máis coñecidas.
A mostra, que tamén coincide coa celebración do Día da Ilustración, é unha das exposicións que percorreu a provincia durante o pasado ano no marco do programa de actividades culturais que o departamento de Cultura e Lingua promoveu dentro do Ano Castelao.
O obxectivo desta mostra é o de poñer en valor o legado dunha figura histórica como a de Castelao, pero dun xeito actualizado e botando man do traballo dun debuxante amplamente coñecido e recoñecido como é Luis Davila.
Así, partindo de que nos anos 20 e 30 do século XX Castelao colaborou nos diarios vigueses Galicia e Faro de Vigo coa publicación dunha serie de viñetas tituladas de maneira xenérica Cousas da vida, conéctase esta actividade coa dun debuxante coma Luis Davila que na actualidade e tamén desde a prensa galega trata as realidades galegas do día a día.
A exposición Luis Davila. A retranca dun país propón un percorrido por 72 das viñetas de máis éxito deste deseñador gráfico e humorista. Davila achéganos á realidade diaria do país desde o humor e o coñecemento profundo da maneira de ser, sentir e vivir dos galegos e as galegas.
A mostra conta ademais cunha audioguía/signoguía á que se pode acceder a través dun código QR, e que foi elaborada en colaboración coa Asociación de Xordos de Galicia para facilitar que as persoas con dificultades auditivas poidan acceder a contidos culturais en igualdade de condicións que o resto da cidadanía.
A exposición poderá visitarse no Pazo Provincial ata o vindeiro 4 de marzo, no horario habitual de atención ao público.
Relacionadas:
-
A Deputación acolle unha divertida exposición co humor gráfico de Luis Davila
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Máis de 107.000 persoas visitaron en 2016 as instalacións do Museo de Pontevedra
Por Redacción |
-
Gala triunfal para despedir os actos do Ano Castelao
Por Diego Torrado |
-
As cores dos traxes de Castelao brillan nun desfile-musical de Os de Algures
Por Diego Torrado |