Un Consello Asesor de expertos do Museo será o encargado de decidir o nome do Sexto Edificio
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
O Museo de Pontevedra contará cun Consello Asesor de técnicos para que adopten medidas relacionadas coas decisións que se queiran abordar no futuro. Así o manifestou o deputado de Cultura, Xosé Leal, durante a presentación do programa de exposicións previsto para este 2017 no Sexto Edificio do Museo.
Precisamente, un dos temas que abordaría ese Consello Asesor sería o referido á denominación a este edificio, que xa xerou debate a raiz da proposta do colectivo Amigas e Amigos do Museo de Pontevedra, que propón que este inmoble se denomine Edificio Castelao.
Leal indicou que espera que ao longo deste ano entre en funcionamento este Consello Asesor que supoñería unha "apertura á sociedade" e tomaría decisións sobre o cambio do logo deste espazo ou a reapertura dos edificios do Museo que se manteñen en obras.
Neste sentido, Xosé Leal non quixo avanzar sobre as datas de reapertura e indicou que os traballos se están desenvolvendo atendendo aos controis establecidos por Patrimonio e que espera que durante a lexislatura poidan abrirse ao público.
NOVE EXPOSICIÓNS EN 2017
O director do Museo, Carlos Valle, presentaba as nove exposicións que se poderán visitar ao longo deste ano no Sexto Edificio. A primeira chegará o 9 de febreiro ata o 19 marzo baixo o título 'Mirar conTacto'. Está promovida pola Fundación María José Jove e está relacionada con persoas con discapacidade visual co obxectivo de que os contidos do Museo se atopen accesibles a todos os visitantes. A continuación, o 16 de febreiro, as salas de exposición acollerán unha mostra específica do fotógrafo pontevedrés Miguel Vidal, 'Soños', comisariada por Ramón Rozas.
O 4 de maio, o Sexto Edificio contará cunha mostra antolóxica e monográfica sobre Luís Caruncho, o artista pioneiro en arte abstracta que falecía en outubro e que, durante os últimos meses, mostrara moita ilusión con esta cita, segundo apuntaba Valle.
O 8 de xuño, as persoas que se acheguen ás instalacións poderán ver obras do máster da Facultade de Belas Artes de Pontevedra co título 'Iso segue o seu curso', que dará paso a outra denominada 'Pontevedra Suite' do coñecido artista pontevedrés, Manuel Moldes. No tramo final do verán expoñeranse as obras de Novos Valores en dúas sesións.
Xa a primeiros de outubro, a escritora María Vinyals será a protagonista doutra mostra que, acompañada do médico Enrique Lluria, fundou o primeiro sanatorio de Galicia no castelo de Soutomaior, onde ela nacera.
O ano finalizará cunha gran retrospectiva sobre o pontevedrés Jorge Castillo, unha das máis importantes figuras da arte español que destaca polos seus traballos figurativos con temáticas que pasaron do surrealismo a cuestións máis íntimas.
Relacionadas:
-
RADIO.- Cara a cara: Manuel debuxa, Moldes contesta
Por Marisa Ciordia |
-
Ameazan con levar ao xulgado a reforma do Edificio Sarmiento pola desaparición de pedras do século XVII
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Castelao? Filgueira Valverde? Sánchez Cantón? Que nome iría mellor para o Sexto Edificio do Museo?
Por Anxo Lourido |
-
Máis de 107.000 persoas visitaron en 2016 as instalacións do Museo de Pontevedra
Por Redacción |