Artistas de África, Europa e América nun Cantos na Maré que terá a Narf na lembranza
Por Alejandro Espiño
O próximo Cantos na Maré será moi especial. Segundo os seus organizadores, con esta edición péchase unha etapa que vai dar lugar a un novo formato de festival a partir de 2018. Pero sobre todo porque, ademais dun cartel marcado pola presenza de importantes artistas procedentes de África, Europa e América, terá un recordo especial para Narf.
Cantos na Maré regresará ao Pazo da Cultura de Pontevedra o próximo sábado 14 de xaneiro para continuar o seu percorrido a través das músicas que tecen as súas redes arredor da lusofonía.
Será un festival de transición que vai dar paso a un novo formato, que contará con mais participación e implicación da cidade, multiplicando o número de eventos e contidos e achegándose a un formato híbrido que mesturará actividades profesionais e actividades abertas ao público xeral.
Todo iso, segundo sinalan desde a organización, pivotando sempre sobre ese espazo cultural común xa definido polos usos lingüísticos e con vontade de abrir mercado e interesar a unha comunidade musical que se expresa en linguas próximas ás nosas.
O produtor do festival, Vítor Belho, xa adiantara na anterior edición que Cantos na Maré é unha iniciativa que, despois de trece anos, "segue viva, activa e cunha firme vontade de transformación", destacando que o festival quere seguir apostando pola internacionalización e polo contacto con outros mercados e artistas referentes no seu ámbito.
Belho adianta que no Cantos na Maré 2017 haberá momentos para descubrir novos artistas, para gozar con artistas recoñecidos internacionalmente e para o reencontro con artistas ben coñecidos en Galicia que ofrecerán as últimas novidades do seu repertorio.
Ademais, servirá para traer ao escenario a memoria e as músicas de Fran Perez "Narf", artista galego que participou en dúas edicións de Cantos na Maré e que faleceu hai apenas un mes.
As entradas para este Cantos na Maré poranse á venda nos próximos días a través de www.ataquilla.com.
Relacionadas:
-
Cantos na Maré: Árdelle o eixo!
Por Diego Torrado |
-
Santiago Auserón, artista convidado no Festival Cantos na Maré
Por Redacción |
-
Narf estará en todas as bocas da XIII edición de Cantos na Maré o 14 de xaneiro
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
O músico guineano Manecas Costa, na nova edición de Cantos na Maré
Por Redacción |
-
O Pazo promete un 2017 "espectacular" para celebrar o seu vixésimo aniversario
Por Alejandro Espiño |
-
Davide Salvado: "O noso patrimonio parece que non está ben visto. Temos o auto odio incorporado no ADN"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Novo éxito do festival Cantos na Maré no Pazo da Cultura
Por Diego Torrado |
-
O mítico músico brasileiro Alceu Valença, última sorpresa do festival Cantos na Maré
Por Redacción |
-
Cantos na Maré regresa con "forzas renovadas" e con Thaïs Morell, Karyna Gomes, Uxía, Narf e Jorge Palma
Por Alejandro Espiño |