O país dos instrumentos invade o Teatro Principal da man da Banda de Música
Por Redacción & Diego Torrado
Música e artes escénicas dedicadas aos máis pequenos. Esa foi a proposta mostrada pola Banda de Música de Pontevedra este domingo nunha nova cita co seu Ciclo de Outono. De novo, o Teatro Principal vibrou coa calidade musical desta formación.
En concreto, nesta ocasión os músicos da banda pontevedresa trasladaron ao público ata Musicolandia, o país dos instrumentos. Foi cun concerto no que contaron coa colaboración da compañía Tarabelos, habituada a espectáculos de monicreques e contacontos.
Con música de André Popp e textos de Jean Broussolle, estes dous xenios da pedagoxía infantil escribiron no ano 1956 "Piccolo, saxo e compañía", un dos contos musicais máis interpretado nas salas de concerto, co principal obxectivo de iniciar aos nenos na música clásica.
Nesta historia, que ten por subtítulo A pequena historia dunha gran orquestra, os protagonistas non son nin persoas nin animais, son instrumentos musicais que falan, dialogan, discuten, divírtense e viven unha infinidade de aventuras.
E todo iso, a través da interpretación da Banda de Música de Pontevedra e a recreación artística dos integrantes de Tarabelos. Un espectáculo que fixo as delicias dos nenos e maiores que se achegaron ao Principal para velos.