Os conflitos dun grupo de galegos en Londres, en Ponteatro con "Get Back"
Por Redacción
Ponteatro volve cheo de retranca. É o que nos proporá o espectáculo que verá o público pontevedrés este xoves 17 de novembro, a partir das nove da noite, no Teatro Principal. Trátase de Get Back, a divertida nova montaxe da compañía teatral Eme2.
Get Back é unha comedia inspirada nos 'londonders', os galegos que viven na capital británica. Son cinco e van nun vagón de metro con traxecto interrompido: catro son galegos buscándose a vida en Londres e un inglés que, en algún tempo, buscou a vida en Galicia.
Son cinco e teñen moitas cousas en común. Pero eles non o saben. Aínda. Saben que van no mesmo vagón de metro. Saben de onde veñen, pero ningún está moi seguro de cara a onde vai. Son xente normal e están en Londres. Pero o metro detense e comezan os problemas.
As súas vidas quedan cruzadas xusto cando se detén o movemento do tren e a partir de aí case todo é retranca.
Alfonso Agra, Tamara Canosa, Mercedes Castro, Miguel Guido e Federico Pérez son os protagonistas desta historia, unha idea orixinal de Camilo Franco desenvolvida por Diego Ameixeiras e dirixida por Jorge Coira.
As entradas poden adquirirse a un prezo de oito euros en www.ataquilla.com. No caso de non esgotarse, estarán disponibles unha horas do inicio do espectáculo na billeteira do Principal.
Xunto coa función da noite, Eme2 ofrecerá un pase de Get Back para alumnos de cinco centros de educación secundaria e bacharelato procedentes de Pontevedra (IES Frei Martín Sarmiento, IES Valle Inclán e IES Torrente Ballester), IES Vilalonga (Sanxenxo) e IES Mendiño (Redondela).
Relacionadas:
-
O "Eroski Paraíso" de Chévere pétao no Teatro Principal
Por Redacción |
-
O tolleito de Inishmaan visita o Teatro Principal no marco do ciclo Ponteatro
Por Redacción |
-
'Get back' ou como viven os galegos emigrantes en Gran Bretaña
Por Diego Torrado |
-
Motivos de saúde obrigan a suspender a obra 'Foucellas' do ciclo Ponteatro
Por Redacción |
-
Pontevedra trasládase á España da posguerra coa obra "Palabras malditas"
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Volve Ponteatro con seis obras de compañías galegas e dúas 'noites golfas'
Por Alejandro Espiño |