O Café Moderno de Pontevedra acolle ata o 28 de xaneiro unha exposición sobre o escultor Francisco Leiro
Por Redacción
O Café Moderno de Pontevedra acolle ata o próximo 28 de xaneiro a exposición "Os traballos e os días de Francisco Leiro", que ofrece a posibilidade de gozar da obra dunha das grandes figuras do panorama da arte galego actual e tamén ser testemuñas excepcionais do seu proceso creativo entre Cambados, Madrid e Nova York.
A exposición reúne oito esculturas e cinco traballos en papel producidos desde os anos noventa ata a actualidade que forman parte das coleccións de arte de ABanca e AFundación.
Entre as obras seleccionadas atópanse algunhas tan significativas como as catro "Recolectoras" (2003) ou "Fauno" (2007), cinco pezas en madeira en gran formato que alcanzaron un verdadeiro status simbólico na escultura galega contemporánea. O seu traballo en granito, outro dos materiais de referencia na súa produción artística, tamén está reflectido na mostra coa escultura "Cabeza", de 1988.
O proxecto expositivo enriquécese cun interesante material multimedia procedente do documental "Sísifo confuso. Traballos e días de Francisco Leiro", escrito e dirixido por Aser Álvarez para Arraianos Produccións que inclúe unha serie de fotografías en gran tamaño e unha peza audiovisual sobre cada un dos seus tres lugares de traballo.
Este xoves, na presentación á prensa desta exposición, o responsable dá Colección de Arte ABANCA, Diego Cascón, destacou que como peche do percorrido inclúense unha serie de fotografías de obras de Francisco Leiro que se poden contemplar en diferentes puntos da cidade de Pontevedra, como exemplo da importancia que ten na súa traxectoria a escultura civil.
A exposición poderá visitarse ata o 28 de xaneiro no Café Moderno Afundación de Pontevedra en horario de luns a venres de 17.30 a 20.30 horas e os sábados de 11.00 a 14.00 e de 17.30 a 20.30 horas.