"Lúcido", con Isabel Ordaz, Itziar Miranda e Alberto Amarilla, unha traxicomedia que nos fará reir... e pensar
Por Redacción
O teatro volve esta semana ao Centro Social Novacaixagalicia de Pontevedra. Será coa obra Lúcido, a segunda das obras dramáticas que integran a súa oferta deste primeiro semestre. Protagonizada, entre outros, pola actriz Isabel Ordaz (Araceli, en la serie de televisión La que se avecina), representarase o próximo sábado 2 de marzo ás 20:30 horas. Un día antes poderase ver no Centro Cultural Novacaixagalicia de Vigo.
Lúcido, o espectáculo dirixido por Amelia Ochandiano e escrito por Rafael Spregelburd, é, segundo a opinión da directora, unha viaxe interesante e gozosa, unha función con moitos retos que trata temas como a perda, os mecanismos do ser humano para abordar a dor, os soños, a familia e o poder de curación da arte.
A protagonista é Lucrecia, unha moza que retorna á casa da súa nai, Teté, onde vive co seu irmán Lucas. Agora, logo de quince anos de ausencia e silencio, a moza chega para procurar o que é seu. Esta esixencia espertará en Teté os peores pesadelos e xurdirán todos os segredos e as mentiras do pasado.
Escenograficamente, soño e realidade mestúranse, de xeito simple e suxestivo, nesta comedia dramática que fala de sentimentos comúns e universais. Conta cun elenco actoral que está formado por Isabel Ordaz (Teté), Itziar Miranda (Lucrecia), Tomás del Estal (Darío/Néstor) e Alberto Amarilla (Lucas).
As entradas, que teñen un prezo entre os 18 e os 26 euros, están á venda en www.servinova.com ou ben na billeteira telefónica no 902 504 500.