Mofa e Befa viaxan ao Século de Ouro coa comedia "Bobas & Galegas"
Por Redacción
Mofa e Befa, ou o que é o mesmo Evaristo Calvo e Victor Mosqueira, regresan ao Auditorio de Vilagarcía o sábado, 8 de outubro, esta vez cun espectáculo baseado nas comedias dos grandes dramaturgos do Século de Ouro Español. Con "Bobas & Galegas" o dúo trasládanos a esa época da man de dous criados galegos que, en clave de humor e co característico recurso de falar en verso do teatro clásico, reinterpretan a grandes como Calderón de la Barca, Lope de Vega e Benavente e Zamora a través da pluma, da crítica e da retranca de Quico Cadaval, autor e director da obra.
Segundo a definición da propia compañía, Mofa& Befa é un comando de comedia contemporánea que comprobou as súas armas nos máis hostís campos de batalla como bares, universidades, festivais vascos e/ou de teatro clásico, resultando sempre con simples rabuñaduras ou feridas leves.
En "Bobas & Galegas" fan un percorrido gozoso polos argumentos, ocupacións, preocupacións e industrias dos criados do século de Ouro, clase social que, de todos os traballadores manuais, foi a que contemplou dende máis cerca o poder, o oropel, a súa erótica e a súa vaidade.
TÓPICOS TÍPICOS E CRTICA SOCIAL ATEMPORAL
Mofa e Befa cáense con todo o seu instrumental de pallasos nocturnos nun camiño solitario do século XVII castelán. Servindo a un tópico equivalente ao da aptitude natural dos negros para a danza, o galego demostra un talento natural para a obediencia e o servizo. Isto, que o faría idóneo para a práctica das armas, está beneficamente atenuado pola covardía, virtude que o empuxa ao máis incruento do servilismo e a curvatura lumbar.
E nesta liña. Cando Mofa e Befa chegan aos áureos pazos de Madrid e Sevilla, fuxindo das guerras e da fame climática da súa terra, só valorados pola súa discreción, o seu descoñecemento do idioma, que ás veces pode parecer idiotez, polo seu cumprimento irreflexivo e amoral das tarefas encomendadas e unha vontade de servir que non sempre resulta utilitaria.
"Bobas & Galegas" foi espectáculo finalista nos XVIII Premio Max das Artes Escénicas 2015 na categoría de Mellor Escenografía. Neste certame, o máis prestixioso de España, contou ademais con candidaturas aos premios de Mellor Espectáculo, Mellor Autor Teatral e Mellor Dirección de Escena (Quico Cadaval) e Mellor Actor Protagonista (Evaristo Calvo).
"Bobas & Galegas" represéntase no Auditorio de Vilagarcía o sábado, 8 de outubro, ás 21:00 horas. As entradas teñen prezo único de 5 euros e pódense adquirir anticipadamente a través da web www.ticketea.com e do teléfono 902 044 226 (máis gastos de xestión). O día da función poderanse adquirir na billeteira do Auditorio a partir das sete da tarde.