Vilagarcía reinvindica a súa 'alma negra' coa primeira edición do festival VilaBlues
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A primeira edición do Vila Blues, o festival de blues de Vilagarcía de Arousa, xa ten todo preparado para encher de boa música a cidade a partir deste venres 22 de xullo.
Destacados artistas nacionais e internacionais actuarán nos concertos programados polo festival. Por el pasarán, entre outros, Marcos Coll, Keith Dunn, Stephano Ronchi e contará cunha banda propia, a VilaBlues Band. Ademais, haberá actuacións a mediodía, concertos nocturnos, master class, jams sessions e proxeccións de documentais.
A xornada inaugural ábrese o venres ás 13:00 horas cun acto no escenario da Baldosa onde o alcalde, Alberto Varela, intervirá no "Harmonicazo". A continuación comezará a sesión vermú amenizada por Stephano Ronchi e convidados, un guitarrista e cantante italiano residente en Berlín e un auténtico experto na música de raíz dos anos 20, o ragtime ou o deltablues.
Os actos deste primeiro día continuarán á tardiña coa master class de guitarra slide que impartirá o propio Ronchi na Praza da Peixería. Nese mesmo marco desenvolverase a partir das 21:45 horas a proxección do documental Hondarribia Crossroads coa colaboración do Cine Club Adega.
A música regresa ás 23:00 horas no escenario da Praza do Castro co concerto que ofrecerán Andrea& The Black Cats, a representación galega do festival que versionan clásicos do blues, e a Vila Blues Band, a formación oficial do festival de Vilagarcía, a encargada de levar o peso das diferentes jams session. Está formada, entre outros, por Edu Manazas e Stephano Ronchi, acompañados na sección rítmica polos Barez Bros.
O sábado 23 será a quenda de Edu Manazas, un dos artistas de blues de referencia en España, que tocará na sesión vermú. Na Alameda, a partir das dez da noite, actuarán Fede Aguado & Fierablues e a banda de Marcos Coll, un dos mellores instrumentistas do mundo coa harmónica, que terá como invitada á americana Dorrey Lyles, cuxa voz colabora habitualmente con algúns dos mellores coros do mundo.
O festival acabará o domingo cunha romaría blues na Praza da Peixeiría con degustacións gastronómicas, baile e musica; e o concerto na Alameda, ás dez da noite, de Travellin' Brothers, que apostan por un son máis comercial e afastado dos estándares do blues, e Keith Dunn Band, unha lenda viva do blues con más de trinta anos de experiencia.