O "Acuario" dos Ghazafelhos abre en Pontevedra o ciclo Cultura no Camiño
Por Redacción
Que a xente miúda da casa se achegue á poesía en lingua galega á vez que aprende os nomes dos peixes e descobre a riqueza biolóxica e gastronómica do noso litoral. É o fío condutor do espectáculo Acuario, a obra coa que a compañía Teatro dos Ghazafelhos deu comezo ao ciclo Cultura no Camiño en Pontevedra.
Ducias de nenos gozaron con este espectáculo na praza do Teucro. Todo iso grazas á presenza dos vistosos monicreques, dos actores que lle imprimen humor e dinamismo á actividade, da música e dunha escenografía sinxela e á vez atractiva.
Cultura no Camiño é unha actividade gratuíta, organizada pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e Turismo de Galicia en 99 concellos situados nas rutas xacobeas.
O obxectivo é despregar unha interesante carteleira a través da que a produción escénica e musical sae ao encontro dos espectadores galegos e dos peregrinos que nos visitan.
O resto do ciclo complétase con:
- Martes 19 de xullo: 19.30 h Maxia infantil: Trío de Ases de Expresión Produccións
- Mércores 20 de xullo: 19.30 h Teatro/musical: Golfiños Golfiños
- Xoves 21 de xullo: 19.30 h Teatro: O poeta do Miño de Polo Correo do Vento
- Venres 22 de xullo: 19.30 h Teatro/monicreques: Barriga Verde de Viravolta Títeres
- Sábado 23 de xullo: 19.30 h Música: A Banda das Apertas de Magín Blanco
- Domingo 24 de xullo: 19.30 h Novo Circo: Picadillo Circus de Duende Sico.