Atopan ilustracións desaparecidas do álbum 'Nós', que se verán na nova mostra sobre Castelao
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/881/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/57714fd178-20160627-patxot-exposicion-castelao-027.jpg)
© Mónica Patxot
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/baf/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/57714fd411-20160627-patxot-exposicion-castelao-031.jpg)
© Mónica Patxot
A última vez que se puideron ver en público foi nunha exposición en 1924. A partir deste martes 27, as ilustracións que Alfonso Rodríguez Castelao realizou para o Álbum Nós mostraranse no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra.
Desde o ano 1930 perdéraselles a pista sobre o seu paradoiro e agora, despois dun traballo de investigación do equipo de técnicos do Museo, logrouse localizar á familia galega que é propietaria destes debuxos orixinais. Unha familia que, segundo expuxo o director do Museo Carlos Valle, quere quedar no anonimato e que contaba cun antepasado a quen Castelao tiña moito agarimo e por iso agasallouno con estas obras.
Estas estampas orixinais formarán parte da exposición 'Meu Pontevedra', que foi presentada polo director do Museo, acompañado polo deputado de Cultura, Xosé Leal e os comisarios Ángeles Tilve e José Manuel Castaño. Nesta mostra recóllense escritos, debuxos, ilustracións e pinturas do artista entre 1916 e 1936.
Desta forma, unha sala recollerá a relación do autor coa cidade e co ambiente cultural no que foi integrándose cando chegou para exercer como funcionario do Instituto de Estatística. As outras salas acollen a faceta literaria do autor e a de caricaturista. Entre outras obras recóllese o Diario de 1931 cun repaso ás súas viaxes a Francia, Bélxica e Alemaña.
Pontevedra foi a cidade onde Castelao pasou máis tempo durante toda a súa vida e aquí integrouse en Irmandades da Fala, ademais de colaborar co Seminario de Estudos Galegos, coa Coral Polifónica e coa Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra.
'Meu Pontevedra' inaugúrase este martes 28, día do plebiscito do estatuto de autonomía de 1936 e permanecerá aberta ata o 11 de setembro.
A mostra 'Meu Pontevedra' ofrece orixinais atopados do álbum Nós
© Mónica Patxot