Volven os Sete Falares
Por Oskar Viéitez
Como cada primavera Pontevedra enche de palabras. Os días 2, 3, 4 e 5 de xuño volve á Boa Vila os Sete Falares, o Encontro Internacional de Contadores de Historias que celebra este ano o seu primeiro lustro de vida, chegando así á quinta edición.
No encontro narrarán historias Joxemari Carrere (Euskadi), Yoshi Hioki (Xapón), Benita Prieto (Brasil), Jorge Serafim (Portugal), Charo Pita (Galicia) e os organizadores, o grupo local Pavís Pavós. Serán catro intensos días coa oralidade e a forza das palabras como absolutas protagonistas.
O acto de inauguración será no adro da Peregrina o 2 de xuño ás 9 da tarde, a cargo de Charo Pita.
Nos Sete Falares repetirase a ruta nocturna de historias por Pontevedra con 4 grupos de 60 persoas, será o sábado día 4. Pero tamén haberá tríos de narradores e sesións de contos en espazos singulares como o Centro de Interpretación das Torres Arcebispais (CITA), a Casa das Campás, o Teatro Principal ademais do xa referido adro da Peregrina.
O festival finalizará o domingo cunha roda de narradores na que participarán todos os contadores desta edición.
O encontro, que promete ser toda unha festa da narración oral, está orientado principalmente a público adulto, aínda que tamén haberá sesións dirixidas a público familiar. Toda a programación é gratuíta, fóra da gala de clausura.