Micros abertos na Romaría Tradicional de Gaiteiros na Reiboa
Por Redacción
Este sábado presentouse a XI edición da tradicional Romaría de Gaiteiros Manuel Villanueva no Concello de Poio coa participación de integrantes da Asociación Cultural Gaiteiro "Manuel Villanueva" e os concelleiros Lida Salgueiro e Xosé Lodeiro.
Este evento que se celebrará a próxima fin de semana, sábado 4 e domingo 5 de xuño, exponse como un espazo aberto á participación activa. Neste sentido instalaranse micros abertos para que todos aqueles artistas que queiran realizar a súa achega poidan facelo, á vez que se goza da comida tradicional e da boa música nunha contorna como o da Reiboa.
Haberá actuacións de grupos e bandas de gaitas durante as xornadas con concertos de música durante a noite do sábado. As persoas que o desexen poderán acampar na zona para partir do venres. Haberá postos de gastronomía a prezos populares e mostras de artesanía.
O sábado actuarán os grupos da banda de gaitas da agrupación Vides Novas de Poio e das bandas de Barqueiro (Mañón), durante toda a xornada. A partir das 22.30 horas os encargados de amenizar a festa serán os grupos Duo Dado e Take it Easy.
O domingo, a música tradicional seguirá soando da man de Vides Novas, O Barqueiro e Barbude, cun concerto conxunto, no que se poderán escoitar una mesma peza a cargo de 100 músicos destas tres bandas.