"Esta noche no estoy para nadie", unha divertida comedia musical, estrea a temporada teatral de Novacaixagalicia
Por Redacción
Novacaixagalicia abre a próxima semana o seu ciclo anual de teatro en Pontevedra. Será coa comedia musical Esta noche no estoy para nadie, baseada na obra de Carlos Rubio que se editou con ese mismo título. Representarase no Centro Social Novacaixagalicia de Pontevedra o sábado 16 de febreiro, ás 20:30 horas, xusto un día despois de facelo no centro social que a entidade ten na cidade de Vigo.
Esta noche no estoy para nadie sitúanos na historia das relacións entre unha nai e unha filla con carácteres ben opostos que se ven obrigadas a convivir baixo o mesmo teito a consecuencia das estreiteces económicas que ambas viven a raíz dos seus respectivos divorcios. Ao longo dunha entolecida noite na que non faltan as visitas dos seus respectivos exmaridos, saen á luz as fantasías máis íntimas, os desexos máis ocultos, as verdades e as mentiras de toda unha vida, que acabarán por provocar unha treboada de risas e simpáticos equívocos.
O elenco
Kiti Mánver (no papel da nai) é unha actriz de recoñecido prestixio e un rostro imprescindible dentro do mellor cine español, traballou con Almodóvar; Gutiérrez Aragón; Álex de la Iglesia ou Miguel Hermoso, é tamén unha cara habitual da televisión, protagonizou Menudo es mi padre, Juntas pero no revueltas, Los Quien, Gran Hotel, en teatro tivo papeis de relevancia: Seis personajes en busca de autor, Divinas palabras, Matrimonio de Boston, Humo, Tres. Mánver obtivo o premio Goya como mellor actriz da Unión de Actores e o galardón á mellor actriz no Festival de Cine de Málaga.
Gisela, que interpreta a nova Alma, ten unha voz extraordinaria coa que se deu a coñecer no programa Operación Triunfo. Gravou cinco álbums, puxo voz a personaxes de películas como Peter Pan II, Encantada, Pérez, el ratón de tus sueños, participou en espectáculos de grande éxito como Peter Pan, el musical, El diluvio que viene, Los 40 principales, Boscos Endins o Grease no papel protagonista de Sandy. Representou a España no Festival de Viña do Mar 2003 no que gañou a gaivota de prata ao mellor tema e mellor intérprete.
Bruno Squarcia é un rostro popular grazas a series como Al salir de clase, Manos a la obra, Yo soy Bea ou El internado e películas como Amo tu cama rica ou Libertarias. Nos últimos anos centrou a súa carreira no teatro musical, protagonizou espectáculos tan exitosos como Mamma mía, xunto a Nina; Víctor o Victoria con Paloma San Basilio; La mujer del año ou Quisiera ser con cancións do Dúo Dinámico.
David Ordinas é unha das mellores voces dentro do panorama musical español. Despois de recibir unha extensa formación e preparación en Nova York, protagonizou en España míticos musicais como La Bella y la Bestia (no papel de Besta) Los miserables, Cats, Hermanos de sangre, La magia de Broadway, Aladdin, Orfeo en los infiernos ou Cabaret. Forma parte do exitoso grupo especializado en repertorio de musicais Póker de voces.
Raúl Gama (no piano) foi quen de compaxinar o seu traballo como director musical en diversas galas como os Premios Max 2011, Premios do cine José María Forqué, Festival de Málaga Cine Español 2011 con obras musicais como Grease, Sábado 3:30, el musical, Jesucristo Superstar, Willy Fog, el musical, e o traballo de pianista en Cabaret, Carmen Conesa Big Band o The swinging devil.
As entradas, que teñen un prezo que oscila entre os 19 e os 26 euros, están á venda en www.servinova.com ou ben na billeteira telefónica no 902 504 500.