O Museo de Pontevedra acolle o acto institucional do Día das Artes Galegas
Por Oskar Viéitez
A Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) conmemorou este venres en Pontevedra o "Día das Artes Galegas 2016", dedicado a figura de Castelao.
O acto institucional, que se celebrou no Museo de Pontevedra, contou coa asistencia do conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia, Román Rodríguez; a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva Rego; e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.
As autoridades foron recibidas polo presidente da RAGBA, Manuel Quintana Martelo, outros académicos e unha ampla representación dos mundos da cultura e as artes galegas que poideron gozar coa música da Coral Polifónica de Pontevedra.
A Academia de Belas Artes estableceu por primeira vez o ano pasado a conmemoración neste día en lembranza do 1 de abril de 1188, a data que figura no lintel do Pórtico da Gloria certificando que o Meste Mateo -a quen se dedicou o primeiro ‘Día das Artes Galegas’- foi o seu artífice.
O presidente da Academia destacou a "enorme e innegable" trascendencia social, política e artística de Castelao, "sen a cal non poderiamos entender a Galicia actual".
Posteriormente a académica Maríaª Victoria Carballo-Calero Ramos pronunciou unha conferencia baixo o título "Xénese e configuración do Álbum Nós".
Na súa intervención a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, destacou que a Deputación de Pontevedra, "non sería unha das institucións galegas máis culturalmente activas sen o piar que asentou Castelao hai moitos anos entre nós". Así, recordou que foi el o promotor intelectual das bolsas de estudo que a Deputación aporta, desde 1925, a pintores e escultores noveis, entre os que se beneficiaron artistas da talla de Manuel Torres, Arturo Souto, Maside, Colmeiro ou Laxeiro. Tamén foi el un dos impulsores do nacemento, en 1927, dun dos museos máis importantes de España: o Museo de Pontevedra.
Logo das intervencións, os asistentes fixeron un percorrido pola exposición "Castelao Artista. Os fundamentos do seu estilo", que permanecerá aberta ata finais do verán no Sexto Edificio do Museo.
Para dar continuidade ao "Día das Artes Galegas", o presidente solicitou aos membros da Academia, e a todos os colectivos, que propoñan a partir de hoxe os candidatos para ser homenaxeados na conmemoración de 2017.
Manuel Quintana Martelo aproveitou a efeméride da arte galega para facer balance do primeiro ano de xestión da nova xunta de goberno, caracterizado polo seu "gran esforzo e traballo". Reclamou unha "presenza activa" en todas as institucións do ámbito artístico para afianzar a visibilidade e o recoñecemento social alcanzado nos últimos tempos.
Relacionadas:
-
A riqueza patrimonial e arqueolóxica da provincia, a exposición en Marín
Por Redacción |
-
Concorrida estrea da exposición sobre o Castelao artista
Por Diego Torrado |
-
Os primeiros anos do Castelao artista, no Museo de Pontevedra ata xuño
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
A Academia Galega de Belas Artes homenaxea a Castelao no Museo
Por Redacción |
-
"A nenez galega a través dos anteollos de Castelao"
Por Elena Álvarez Quintá |