Da Xunqueira I... sae jazz
Por Redacción
A Casa das Campás acollerá este mércores 30 de marzo, a partir das oito e media da tarde, un concerto ben especial. Será o de Nenos do Jazz, unha formación que integran mestres, estudantes e ex alumnos do IES A Xunqueira I.
Semanas antes da estrea do seu terceiro disco, presentarán en directo os temas deste novo traballo, Son Xunqueira, un álbum no que esta banda interpreta unha serie de arranxos de estándares de jazz e composicións orixinais do saxofonista e profesor do Conservatorio Superior de Música Pablo Sarasate de Pamplona Iñaki Askunze.
A entrada é libre ata completar aforamento.
A banda, integrada actualmente por doce músicos, entre os que figuran estudantes actuais e antigos do instituto, xunto con tres docentes do IES Xunqueira e dous músicos profesionais será a encargada de dar conta en directo das composicións que integran esta gravación, "que se atopa xa practicamente lista", segundo explica o director da orquestra Miguel Rodríguez.
"A idea é, cara o verán, facer unha pequena xira para presentar o disco", engade o responsable da que define como unha "banda efémera", ao estar fundamentalmente integrada por estudantes do instituto, polo que a banda vaise renovando cada cinco ou seis anos.
"Levamos 20 anos traballando desta forma", engade Rodríguez dunha formación na que, recoñece, "o traballo é lento" pero na que "con paciencia poden conseguirse resultados", como o disco de jazz que estrearán proximamente.
Os dous traballos previos son un primeiro disco que recollía unha escolma de temas de jazz, pop ou de músicas do mundo, e un segundo, editado baixo o título de Nenos no Jazz e gravado en directo no Pazo da Cultura en 2010, no que unha formación de preto de 30 músicos se viu acompañada por unha coral de preto de 60 voces.