O Museo de Pontevedra acolle a exposición "BriallosParadiso" de Celso Varela
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra organiza unha exposición do pintor pontevedrés Celso Varela que será inaugurada na sala de exposicións temporais do Sexto Edificio do Museo de Pontevedra o vindeiro venres 8 de febreiro, ás oito da tarde. A mostra, que leva por título BriallosParadiso, permanecerá aberta ao público ata o 11 de marzo.
A mostra retrospectiva, comisariada por Tomás Paredes, presidente da Asociación Española de Críticos de Arte, está integrada por medio cento de obras, de medio e gran formato, producidas maioritariamente nos últimos cinco anos, nas que se evidencia o sentido da paisaxe do artista e a súa relación coa figura, que derivou desde un acento giacomettiano a unha intensa claridade cromática con forte impronta do seu carácter.
BriallosParadiso toma o seu título da última serie de pinturas de Celso Varela sobre o seu Briallos natal, conformada por paisaxes, figuras e algúns autorretratos de especial interese creativo e plástico, así como naturezas mortas. Celso Varela (Briallos, Portas, 1952), cuxo paisaxismo e figuración "están ligados a recunchos e personaxes de Briallos", se autodefine como "un pintor á vella usanza, con métodos e elementos tradicionais para facer unha pintura de hoxe".
O seu estilo, segundo o comisario da mostra, que o cualifica de "temperamental", que "pinta por impulsos, cando non o pode obviar", é o de "expresar con sencillez as súas obsesións e querencias". Para o galerista José Manuel Leonardo de Sá son "os seus retratos case hieráticos, púdicos" e "nas súas paisaxes, vistas, sentidas e vividas polo pintor, atopamos nunha primeira ollada esa mesma sensación de control xeográfico do territorio".
Celso Varela participou desde 1975 en trece exposicións colectivas celebradas en Pontevedra, Vigo, Lalín, Santiago de Compostela e Madrid. En 1976 fai a súa primeira exposición individual na pontevedresa Sala Torrado, á que lle seguen outras vinte celebradas en diversas cidades de Galicia.
Entre elas destacan a itinerante polas catro capitais organizada pola Consellería de Cultura en 2001, a titulada "30 anos de pintura", que tivo como sede o Pazo da Cultura de Pontevedra en 2006, ano no que a Deputación de Pontevedra dedícalle unha monografía, e as dúas celebradas na Galería Leonardo de París en 2010 e 2011.