A pontevedresa Tamara Andrés e o madrileño Antonio Cañas ofrecen un recital poético
Por Redacción
A nova escritora pontevedresa Tamara Andrés ofrecerá un recital cunha selección dos seus poemas este venres 18 ás 20.00 horas na Sala VerSus da Fundación Cuña-Casasbellas, na rúa Álvarez Limeses.
A autora compartirá escenario con Antonio Cañas García, un poeta madrileño de 23 anos que leva publicados os poemarios Poemas simples y poemas complejos, Para Delia e unha recompilación de textos que leva por título Alguno de los cuentos.
Tamara Andrés é graduada en Tradución e Interpretación pola Universidade de Vigo e titulada no Máster en Estudos da Literatura e a Cultura da Universidade de Santiago. O seu poemario Xogos surrealistas foi publicado no libro Premios 2014 de relato, poesía e tradución dá Universidade de Vigo. En 2015 gañou o premio de poesía O Facho co poemario Nenaespiraes. Tamén publicou Amentalista en prosa. Colabora en varias páxinas virtuais, entre as que se destaca La metafísica del circo, un proxecto fotográfico e de creación literaria do que é co-creadora. Ademais é autora do blogue Esquecemos o tempo.
Este recital poético foi organizado pola agrupación cultural pontevedresa "Piollo Teatro", coa colaboración da Fundación Cuña-Casasbellas e de Fabulario Novo-Hipofanías. A entrada é libre.