Xestos de axuda no Museo de Pontevedra aos menos favorecidos
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Calquera xesto de solidariedade con outros sempre debe ser digno de admiración para toda a sociedade, como neste caso ocorre coa creación da Fundación Gesto. O pintor galego Darío Basso é o creador desta iniciativa á que se unen diversos artistas como, por exemplo, os músicos Carlos Núñez e Iván Ferreiro, o actor Sergio Pazos ou o vocalista Alberto Comesaña, tendo por obxectivo primordial poñer o seu talento ao servizo da sanación dos colectivos menos favorecidos.
Estas iniciativas integradoras, que servirán como inclusión de persoas desfavorecidas a través de diferentes talleres aos que están convidados menores con trastorno de déficit de atención e hiperactividade, coñecidas como Gestos, dan lugar ao nome da fundación que se presentará o día 2 de marzo a partir das 12:00 horas, nas instalacións do Museo de Pontevedra con representantes da Deputación e do mesmo museo.
O 3 de marzo terán lugar o Gesto El Camino de la Serpiente, ás 10:30 horas, e o Gesto Derechos Humanos Plásticos, a partir das 16:30 horas.
Por outra banda, o 4 de marzo desenvolveranse o Gesto Nuestra Identidad desde los Orígenes, a partir das 10:30 horas, e ás 16:30 horas os nenos participantes nos talleres Gesto ofrecerán unha rolda de prensa contando as súas propias experiencias.
Outras iniciativas destacadas da fundación son a 'Casa de las confluencias' (Madrid), 'Enséñame a pescar', 'Quiero ser una rock&roll star' ou 'La magia de los espejos', entre outros.
Desta maneira, nestes talleres desenvolveranse diversas ideas artísticas como performances, intervencións escultóricas, concertos, talleres, vídeo, fotografía, gastronomía ou cinema, sendo todos os ámbitos implicados nesta causa solidaria.