"Arte e solidariedade" en Pontevedra, 65 artistas doan as súas obras en beneficio de Proxecto Home Galicia
Por Mónica Patxot
O 23 de xaneiro do ano 1990 arrincou en Santiago de Compostela, Proxecto Home. A institución cumpre 25 anos en Galicia e para celebralo programaron unha serie de actos entre os que se inclúen unha exposición itinerante que desde este xoves xa se pode ver no Museo Provincial.
É a VII exposición Arte e Solidariedade Proxecto Home, na que participan os máis importantes autores do panorama artístico galego actual percorrendo as sete grandes cidades de Galicia, como "embaixadora dunha mensaxe de vida e de esperanza", segundo comentou o director da institución, Ramón Gómez Crespo.
Do 18 de febreiro e ata o 6 de marzo permanecerá aberta ao público no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra esta exposición comisariada en Pontevedra por Antón Sobral e Taller Aberto.
A exposición pretende, por unha banda, mostrar o respaldo que 65 artistas plásticos dan aos proxectos que, como este, traballan para dar resposta a problemas sociais, como a drogodependencia, "aínda sen resolver", e por outra, conseguir fondos que contribúan á tarefa que desenvolve Proxecto Home Galicia.
O pintor Antón Sobral sinalou que aínda que non se parte dun proxecto unitario de exposición desde o punto de vista artístico, si que o é polo feito de ter como soporte o "sentimento solidario" dos artistas que nela participan, pola atención que a Organización poñen na calidade das obras doadas, co fin de estar á altura das pasadas edicións. Ademais, búscase potenciar a representatividade dos artistas nas diversas localidades onde a exposición estivo presente: Santiago de Compostela, A Coruña, Ferrol, Vigo, Lugo, Ourense e agora en Pontevedra, lugar onde dará peche.
25 ANOS EN CIFRAS
Proxecto Home Galicia chega ao seu vixésimo quinto aniversario cun balance de 35.965 persoas usuarias dos programas terapéuticos ao longo deste período. Delas, 19.327 comezaron algún tratamento e 8.000 conseguiron a súa rehabilitación e inserción sociolaboral.
O número de persoas beneficiarias directas crece ata as 61.140, considerando neste grupo a aquelas achegadas aos usuarios, especialmente os seus familiares que tamén participan nas terapias. Todo isto, cunha estrutura de 276 profesionais e 1.376 persoas voluntarias que nestes anos quixeron formar parte desta tarefa humanitaria.
EN PONTEVEDRA DESDE 2003
O centro de Proxecto Home en Pontevedra atendeu desde a súa inauguración no ano 2003 a un total de 1.769 persoas.
Como consecuencia do peche dos programas residenciais no ano 2011, a capacidade de atención deste centro reduciuse a case a metade. Actualmente a Deputación de Pontevedra contribúe ao financiamento deste centro e o de Vigo cun convenio de colaboración de 22.000 euros.
Os servizos que se desenvolven actualmente en Pontevedra son os de avaliación, diagnóstico e derivación de persoas drogodependentes e de información e asesoramento. Ademais está en marcha o programa "Trevo" de tratamento de penados por violencia de xénero, de terapia familiar, de integración sociolaboral, de prevención e de sensibilización social e empresarial.