O 28 de abril, a música galega volverá xuntarse en Pontevedra
Por Alejandro Espiño
O Pazo da Cultura de Pontevedra converterase de novo no punto neurálxico da música galega durante un día. Será coa gala de entrega da III edición dos Premios Galegos da Música, un evento que se celebrará na cidade do Lérez o 28 de abril.
A edición deste ano dos premios, organizados pola Asociación Músicos Ao Vivo, presentouse este luns no Salón Teatro de Santiago de Compostela. Alí, os seus responsables avanzaron as principais novidades do certame que, de novo, chega coa intención de recoñecer os mellores traballos discográficos e os artistas e bandas galegas máis destacadas do último ano.
Así, a grande novidade é a incorporación dunha nova categoría: o premio de Coros e Música Coral, que xurde segundo o voceiro da asociación, Ramón Bermejo, para abrir as portas destes galardóns, "a mais de 15.000 músicos deste país que forman parte de proxectos de canto coral", desde as tradicionais corais ata os pequenos grupos vocais que están a xurdir nos últimos anos en Galicia.
Serán pois 16 categorías musicais, xa que se manteñen os premios en Pop e Indie, Rock, Blues, Funk e Soul, Metal, Canción de Autor, Hip Hop e Músicas Urbanas, Reggae, Ska e Mestizaxe, Electrónica, Música Clásica e Contemporánea, Jazz e Músicas Improvisadas, Música Tradicional Galega, Folk, Músicas do Mundo (Flamenco, MPB, Músicas Balcánicas...), Música Infantil e Orquestras, Grupos e Músicas de Verbena.
Ademais, recoñecerase o labor da industria premiando a mellor sala, o mellor festival e o mellor espazo de comunicación musical; e por último recoñecerase a traxectoria dalgún artista ou banda galega a través do premio honorífico Músicos ao Vivo, que volverá poñer o foco en artistas de retagarda. Esta distinción decidirase nunha asemblea extraordinaria da asociación e farase público o 15 de marzo.
CAMBIO DE DATAS
Outra das novidades é que os premios pasan do inverno á primavera para situarse nunhas datas que a organización consideran "máis propicias para os músicos", de forma que se poidan inscribir todos os proxectos desenvolvidos durante o ano natural anterior e que os gañadores poidan facer valer os seus galardóns de cara as contratacións do verán.
Así, calquera proxecto musical galego que estea vixente e en activo no ano 2016 pode presentar a súa candidatura ata o próximo 29 de febreiro. Este ano tamén poderán participar grupos de fóra de Galicia que canten en galego ou interpreten na súa meirande parte música de raíz galego, aínda que non será requisito imprescindible ter editado disco no último ano, nin ter editado disco algún.
A través dun proceso de votación online e privado, os socios de Músicos Ao Vivo elixirán primeiro aos 3 finalistas de cada categoría e a continuación, nunha nova rolda de votacións, aos premiados en cada categoría. Os finalistas coñeceranse o 7 de abril.
Ademais, a concelleira de Cultura de Pontevedra, Anxos Riveiro, avanzou que durante os días previos a gala, "Pontevedra vai ser pura música" coa celebración dun encontro profesional de música, actuacións musicais en espazos públicos da cidade e unha campaña de música nos comercios.