Pontevedra acolle a presentación da edición en galego dun libro de Escrivá de Balaguer
Por Oskar Viéitez
O vindeiro xoves 28 de xaneiro, ás 20:00 horas, terá lugar en Pontevedra a presentación da edición en galego de "Conversacións con Monseñor Escrivá de Balaguer".
Será no Café Moderno e intervirán, Isabel Dans, profesora: Araceli Filgueira, tradutora do libro; Rafael Silva, editor de Follas Novas e teólogo; e Xesús Alonso Montero, presidente da Real Academia Galega.
Tras "Camiño" (1968 e 1991) e "Vía Crucis" (2006) editados por Edicións Rialp, e "Santo Rosario" (2013) editado por Follas Novas Edicións, publicouse este libro, tamén da man desta editorial.
O libro, orixinariamente editado en 1968 na súa primeira edición, recolle sete entrevistas que concedeu San Josemaría, entre 1966 e 1968, a Le Figaro, The New York Times, Time, L'Osservatore della Domenica e a varias revistas españolas (Telva, Gaceta Universitaria e Palabra). Neste libro, o fundador do Opus Dei responde as preguntas que lle fan sobre a Igrexa e o Concilio -que acababa de concluír-, os dereitos e liberdades individuais, a vida universitaria, a muller e a sociedade, o Opus Dei, ou a comunicación, entre outros temas.
Araceli Filgueira, filla do intelectual galeguista José Fernando Filgueira Valverde, xa realizara a tradución ao galego de "Santo Rosario".