O FICBUEU abre o prazo para presentar curtas para a edición deste ano
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A novena edición Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (FICBUEU) comeza coa apertura do prazo para a presentación de curtametraxes, que finalizará o 15 de abril. A elección das películas realizarase dous meses despois. Así o anunciaron na mañá deste xoves Carlos Eirea, concelleiro de Cultura e Manuel Pena, director do festival.
Os organizadores están a pensar en novas actividades e seccións paralelas, amplicación do número de pases diarios, obradoiros específicos sobre como realizar curtas ou xornadas para os alumnos e alumnas dos centros educativos.
Manuel Pena explicou que se manterá a sección oficial con vinte películas e a galega con cinco, pero que "a intención é ampliar o número de obras proxectadas, xa que cada vez recibimos máis cantidade e material máis interesante". Daríaselle así "visibilidade a un meirande número de filmes e responderíase á demanda do público", que reclama xéneros como a comedia.
Deste xeito, as bases recollen a proxección de ata 60 filmes, que sumarían aos vinte do concurso outros 40 das seccións paralelas, que poderían estar dedicadas a distintas nacionalidades ou xéneros.
A organización está a buscar novas formas de financiamento, tanto públicas como privadas, porque os 18.000 euros que achega o Concello de Bueu comezan a quedar escasos ante o "ritmo brutal" ao que está a crecer o festival. En 2015 presentáronse 2.087 curtos de 107 países diferentes.
O festival vaise desenvolver entre o 10 e o 17 de setembro, sumando dous días máis que nas edicións anteriores. Os requisitos de participación que se poden consultar na web do FICBUEU.