Verónica Forqué e Juan Fernández inauguran a tempada teatral de Afundación
Por Redacción
A obra Buena gente de David Lindsay-Abaire abre o día 23 de xaneiro a nova tempada teatral da Fundación Galicia Obra Social (Afundación) en Pontevedra. Ás 20.30 horas representarase unha adaptación da obra dirixida por David Serrano e protagonizada por Verónica Forqué, Juan Fernández, Pilar Castro e Diego París, entre outros.
A obra forma parte da tempada de abonos de teatro 2015-2016, que ofrece un 20 % de desconto no prezo das entradas e un 10 % para persoas desempregadas, xubiladas e novas. As entradas están á venda en www.ataquilla.com.
Escrita por David Lindsay-Abaire e gañadora dun premio Tony, este drama costumista adaptado por David Serrano, un dos directores máis importantes da escena nacional, narra a historia de Margarita, unha muller de case sesenta anos, nai solteira dunha moza discapacitada de corenta, que no seu día a día só goza dos bos momentos que pasa no bingo coas súas amigas, onde non sabe se vai poder seguir indo porque acaba de ser despedida.
Pero todo pode cambiar nun segundo: Margarita atópase de novo con Raúl, o amor da súa adolescencia, que vive nunha mansión de luxo e conduce un deportivo.