Moncho Borrajo súmase ás 'Noites de Retranca' en Pontevedra
Por Redacción
As 'Noites de Retranca' seguirán dando moito que falar en Pontevedra durante os próximos meses. Máis aló do próximo 16 de xaneiro, data na que actuarán na cidade os actores Luís Zahera, Pepo Suevos e Javier Varela, os promotores do espectáculo xa programaron unha nova cita co público pontevedrés.
A ela sumarase un dos cómicos máis recoñecidos do panorama nacional, Moncho Borrajo.
O actor ourensán será o protagonista desta nova 'Noite de Retranca', que se representará no auditorio do Pazo da Cultura o domingo 28 de febreiro, a partir das sete da tarde.
Será un encontro moi especial que xuntará por primeira vez sobre o escenario a Moncho Borrajo, despois dunha longa carreira artística, con Mofa e Befa.
Durante case dúas horas de espectáculo, todos eles protagonizarán un monólogo no que intercambiarán co público as súas experiencias e as súas impresións sobre os temas que acompañan ás vidas cotiás.
Con esta función, Moncho Borrajo regresa a Pontevedra case dous anos despois de presentar na cidade o seu anterior espectáculo, Yo, Quevedo.
As entradas, que teñen un prezo de trece euros, pódense adquirir a través de www.ataquilla.com.