As 'Noites de retranca' brillan como nunca co enxeño e a ironía de Moncho Borrajo
Por Redacción
Unha vez máis, Moncho Borrajo foi profeta na súa terra. Un abarrotado Pazo da Cultura gozou coa ironía do cómico ourensán, un dos veteranos da escena humorística nacional, que regresou este domingo á cidade de Lérez case dous anos despois de actuar nela por última vez.
Chegaba a Pontevedra como incorporación de luxo ás Noites de retranca, xunto ao dúo Mofa e Befa, e a súa experiencia non puido ser máis positiva, como el mesmo recoñeceu a través das redes sociais.
A través do seu perfil de Facebook, Moncho Borrajo sinalou que tras as tres actuacións deste fin de semana na Coruña, Ourense e Pontevedra "facía anos que non me sentía tan a gusto comigo mesmo".
O cómico asegurou que os tres días o público galego despediuno de pé e aplaudindo, grazas ao cal "un se sente reconfortado".
Tamén na súa conta de Twitter, o artista galego quixo reflectir a súa felicidade pola recepción do público en Galicia e fíxoo xusto despois da súa actuación en Pontevedra.
No se si podré dormir, me siento como cuando me entregaban un premio en el colegio y no podía dormir de los nervios. El petirrojo.
— Moncho Borrajo (@BorrajoMoncho) 28 de febrero de 2016
Desde Vigo, os deseo que tengáis en vuestros corazones un poco de la felicidad que hoy siento. Que mi Dios os acompañe.
— Moncho Borrajo (@BorrajoMoncho) 28 de febrero de 2016
Este espectáculo xuntou por primeira vez sobre o escenario a Moncho Borrajo, despois dunha longa carreira artística, con Mofa e Befa.
Durante case dúas horas de espectáculo, todos eles protagonizaron varios monólogos nos que intercambiaron co público as súas experiencias e as súas impresións sobre os temas que acompañan ás vidas cotiás de calquera persoa.