PoioEscena redobra a súa aposta polo teatro afeccionado e contará cunha programación anual
Por Alejandro Espiño
PoioEscena da un paso máis. O ciclo de teatro, que organiza o Concello de Poio no mes de novembro desde hai tres anos, convértese nunha programación anual que achegará o teatro a tres parroquias do municipio: Raxó, Samieira e Combarro. "As circunstancias actuais chaman por novas iniciativas", di a concelleira de Cultura, Silvia Díaz, que explicou que o obxectivo será "levar o teatro a máis sitios e tamén achegar a máis público ao teatro".
Este cambio, segundo Silvia Díaz, permitirá "optimizar recursos e ampliar a oferta cultural no municipio", cunha extensa e variada programación de 12 representacións ao longo do ano, o último venres de cada mes ás 21:00 horas e cun prezo máximo de tres euros, repartidas entre Centro Cultural Xaime Illa (Raxó), a Casa do Pobo de Río de Bois (Samieira) e o salón de actos da Comunidade de Montes de Combarro.
Esta novo formato de PoioEscena ponse en marcha despois de que as tres asociacións organizadoras, a SCD Raxó, a SCD Samieira e a ACDeM Armadiña de Combarro aunaran os seus esforzos, coa coordinación da Concellaría de Cultura e o patrocinio do Concello de Poio. Asociacións que, como ben recordou a concelleira nacionalista, "veñen organizando nos últimos tempos representacións teatrais nas súas respectivas localidades", como a Semana Cultural de Samiera ou o ciclo de teatro do Armadiña de Combarro.
A motivación de PoioEscena nesta cuarta edición é o mesmo obxectivo polo que naceu, según recordou Díaz, "fomentar o interese do público xeral polo teatro e contribuír á promoción das artes escénicas en galego, dando a coñecer o traballo feito na Galiza por grupos de teatro afeccionado".
O PoioEscena 2013 arrincará en Samieira, este mesmo venres 25 de xaneiro, coa compañía da casa, o grupo de teatro Lúa Chea (Poio) que naceu no ano 2001. No seu currículo contan coa posta en escea de obras moi diferentes, unha delas representada no 2011 neste ciclo de teatro. Nesta ocasión presentan: Como está o servizo! unha obra de enredo composta por tres pezas cómicas que usan como pretexto o traballo doméstico para crear situacións humorísticas.
O programa completo de PoioEscena 2013 pódese consultar na axenda cultural da páxina web municipal do Concello de Poio, e no perfil de Facebook do PoioEscena