Xa está á venda Zaragallada, o novo disco de Migallas Teatro
Por Redacción
A compañía Migallas Teatro acaba de sacar á venda o seu terceiro disco. Trátase de Zaragallada, o primeiro traballo musical que dirixen principalmente á mocidade e ás persoas adultas.
Como o seu nome indica, Zaragallada (o recheo da empanada) consta de 13 temas con ritmos e contidos moi variados. Así, recóllense cancións pop, rock, ska, un pasodobre, un tango, unha rumba, un vals, unha nana ou unha pandeirada.
Parte das cancións, segundo destacan desde a compañía, naceron no espectáculo de humor O cantante e as mulleres e moitas das letras tratan cuestións de tipo social aderezadas con humor e retranca, mentres que outras son de carácter máis lírico.
A produción artística e os arranxos corren a cargo de Segundo Grandío, que tamén toca o baixo e as guitarras. Davide González Lorenzo toca o acordeón, o saxofón, a frauta, a melódica e fai os coros. Canda eles, intérpretes do prestixio de Leandro Deltell (batería), Paulo Nogueira e Magoia Bodega (percusión tradicional), Maurizzio Polsinelli (piano) e Carmen Gallego (violín) participan en diversos temas.
A banda Migallas está composta por Carlos Yus (voz e guitarra), María Campos, Davide González, Myriam Cortizo (batería e coros), Ismael Orge (teclados e trombón de varas), Bastián Rodríguez (baixo) y Bea Campos (percusiones e coros).
Ademais de Zaragallada, Migallas Teatro ten outros discos, Canta connosco! e Pan de millo, dirixidos ao público infantil.
Este novo traballo discográfico pódese atopar nas tendas de discos e librarías ou tamén pedilo a través do correo electrónico info@inquedanzas.com.