'Fun polo vento', 60 imaxes de avifauna no Palacete das Mendoza
Por Redacción
O Palacete das Mendoza acolle ata o 20 de novembro a mostra ‘Fun polo vento’, unha exposición de 60 imaxes de avifauna en gran formato, que plasma case unha década de estudo e observación da natureza dos fotógrafos galegos Carlos Cifuentes e Zalo Saavedra.
‘Fun polo vento’ reúne unha selección de espectaculares imaxes de paxaros, dende aves rapaces emblemáticas como a aguia imperial e os lagarteiros coas sus presas, ata o veloz martiño peixeiro, as limícolas ou o simpático paporroibo. As especies foron fotografadas no seu estado natural, polo que foi preciso botar man de variadas técnicas de camuflaxe e de ocultación para poder aproximarse ás aves e captar situacións da súa vida cotiá.
Carlos Cifuentes e Zalo Saavedra son fotógrafos de natureza afeccionados e levan unha década viaxando por espazos naturais de toda a península.
A maioría das fotografías da mostra ‘Fun polo vento’ foron tomadas nas Rías Baixas, pero tamén se inclúen imaxes captadas en Extremadura, Castela León, os Pirineos e a serra madrileña.
A mostra está aberta ao público na sala de exposicións do Palacete das Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas, en horario de luns a venres, de 9.00 a 20.00 h; sábados e festivos, de 10.00 a 14.00 h e de 16.00 a 19.00 h; e os domingos, de 10.00 a 14.00 h. A entrada é gratuíta.