Mofa e Befa volven ás orixes este xoves con 'Bobas & Galegas' e 160 almofadas no escenario
Por Redacción
Víctor Mosqueira e Evaristo Calvo, Mofa e Befa, volven este xoves a Pontevedra cun espectáculo co que, á súa vez, e segundo as súas palabras, "volvemos ás orixes", aos Mofa e Befa dos seus primeiros tempos. Ás 11.30 horas para o público infantil e ás 21.00 horas para adultos, representarán no Teatro Principal Bobas & Galegas, un espectáculo dirixido por Quico Cadaval.
Os dous integrantes e a concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, presentaron este mércoles o espectáculo, o cuarto do ciclo Ponteatro -incluíndo a programación dos Venres Golfos-. Para a sesión matinal xa hai confirmada a asistencia este xoves de 400 escolares de Noia, Ponte Caldelas, Pontevedra e Vilalonga (Sanxenxo).
Víctor Mosqueira revelou, entre outros aspectos, que se trata dun espectáculo "moi onírico" no que se porán en escena 160 almofadas. As entradas están á venda anticipadamente en Ataquilla.com a un prezo de 8 euros (4 para estudantes, parados e xubilados) e, no caso de non esgotarse, 1 hora antes do comezo na billeteira.
Evaristo Calvo destaca deste espectáculo que "segue a liña do que vimos facendo Mofa e Befa pero supón unha volta ás orixes, xa que estamos Víctor e máis eu sos na escena". A peza trata de revisar cal é o papel dos personaxes galegos no teatro do Século de Ouro español, onde "había situación de escarnio" e se consideraba aos galegos unicamente no papel de criados.
Trátase dunha obra de carácter costumbrista composta por textos do século de ouro, a maioría en verso, algúns traducidos e outros na súa versión orixinal en lingua castelá. Concibida para o festival de Almagro de 2014, Víctor Mosqueira mantén que ten moito éxito "para fóra", sobre todo polos tópicos sobre os galegos. "Ningúen mellor que nós para talar dos nosos tópicos. Para a xente de aquí ten outra nterpretación", indica.
Relacionadas:
-
Intriga en vivo nun venres moi golfo no Teatro Principal
Por Cristina Saiz |
-
As 'Bobas & Galegas' de Mofa e Befa divirten o público do Principal entre almofadas
Por Diego Torrado & Anxo Lourido |
-
Segundo asalto de Ponteatro da man de 'Perplexo', unha comedia delirante e contemporánea
Por Redacción |
-
"Presidente" de Teatro do Morcego, primeira cita co ciclo Ponteatro
Por Redacción |
-
Venres de sesións golfas para o ciclo de Ponteatro no Principal
Por Anxo Lourido |