Contos dedicados ao Samaín no Espazo LoboCoxo de Bueu
Por Redacción
O Espazo LoboCoxo, situado na Banda do Río de Bueu, promove a organización de actividades de animación á lectura tanto para pre-lectores menores de tres anos, con charlas para nais e pais sobre a importancia da tradición oral; como para menores con idades superiores aos catro anos.
Este domingo, LoboCoxo celebra o seu primeiro aniversario cunha sesión de contacontos especial dedicada ao Samaín e aos contos de medo. A actividade diríxese ao público infantil e familiar iniciándose ás 20.00 horas. Os participantes que acudan disfrazados participarán nun sorteo de agasallos.
Todos os sábados deste mes de novembro a partir das 12.00 horas programaranse tamén actividades gratuítas. O próximo día 7 chegará a quenda de contar "Contos noutras linguas" coa presentación de "Cecino", a obra traducida ao italiano de Garavanciño, adaptado por Olalla González, ilustrado por Marc Taeger e publicado pola editorial Kalandraka.
A semana seguinte realizarase unha homenaxe ao legado musical do compositor Manuel de Falla, con motivo do aniversario do seu nacemento. Actuará Mireya, unha intérprete de frauta travesera residente en Bueu, para amenizar a sesión de "Contos e música". O sábado 21 está previsto un obradoiro de ilustración coordinado por Marc Taeger en homenaxe ao pintor surrealista René Magritte e tamén se vai a conmemorar o 84 aniversario do ilustrador Tomi Ungerer dedicándolle unha sesión de contacontos: "Bandidos, serpes e zapatos".
Ademais, este espazo contará todos os domingos a partir das 12.00 horas con sesións de contos para bebés. Os mércores e xoves desenvólvense obradoiros de plástica e ilustración para escolares con idades comprendidas entre os 4 e os 10 anos.