La Navarra, premiada na primeira edición da gala de Cantos de Taberna
Por Redacción & Diego Torrado
Despois do éxito do programa Cantos de Taberna, os seus organizadores decidiron que xa era hora de presumir de tradición oral nunha gala. E así, a Casa da Luz acolleu este xoves a primeira edición dun evento que decidiu premiar ao emblemático establecemento La Navarra, unha das primeiras tabernas que se sumaron a esta iniciativa cultural.
O recoñecemento recolleuno a súa propietaria, Milagros Guzmán Barros, á que lle agradeceron o apoio que vén mostrando dende os inicios da actividade de recuperación dos cantos de taberna en Pontevedra e polo seu entusiasmo na organización e difusión dos mesmos. Recibiu a 'Cunca Maravallada', unha obra escultórica realizada en cerámica pola artista local Xela Area Pesqueira.
A gala, á que acudiron numerosas persoas do ámbito cultural, social e político, estivo guiada por Luis Enrique Correa Piñeiro, membro do grupo de musica tradicional Os Carunchos.
Tras un discurso de benvida da Asociación Cultural Maravallada, organizadora nestes anos de Cantos de Taberna, ofreceuse o relatorio "Unha ollada cara a dignificación do canto" a cargo do cantautor guardés, Constantino Baz, que combina as actuacións co campo da didáctica, como mestre de gaita e pandeireta en diferentes lugares da bisbarra do Baixo Miño.
A gala rematou coa actuación de Constantino Baz e cun viño galego.